A subvención de 226.749,98€ de fondos europeos permite a redacción da totalidade dos proxectos de saneamento pendentes no municipio.
O Concello de Salceda de Caselas acolleu esta mañá a presentación dos proxectos realizados dentro do PERTE, coa asistencia do subdelegado do goberno, Abel Losada, o presidente do Consorcio do Louro, Alejandro Lorenzo, o xerente do Consorcio, Rufino Rodríguez, as representantes de Ingenia, empresa redactora, e o equipo de goberno coa súa alcaldesa, Loli Castiñeira.
O Consorcio de Augas do Louro está a redactar os proxectos construtivos para dotar de saneamento a toda a poboación de Salceda de Caselas, sendo este un dos traballos contemplados dentro do Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga financiado con fondos do PRTR-Next Generation Eu a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
En concreto, a redacción destes proxectos faise ao amparo da actuación A017 financiada con 226.749,98 € e ten por obxectivo ampliar a cobertura de saneamento aos núcleos de Salceda de Caselas que a día de hoxe non dispoñen dela e conseguir desta maneira ofrecer o mesmo nivel de servizo a tódalas persoas deste municipio.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Os proxectos das diferentes parroquias están preparados, e dende o equipo de goberno estamos a traballar xa na búsqueda da financiación precisa para levalos a cabo. Seguiremos a traballar con Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica, Deputación de Pontevedra, e todas aquelas administracións que levan amosado a súa boa disposición para seguir a financiar os traballos de saneamento en Salceda”.
En concreto, no caso de Salceda de Caselas, coa estimación actual, faltan por sanear 612 vivendas, que precisarán dun investimento total de 7.468.211 € para construír os 33.798 metros de colector pendentes.
Abel Losada, subdelegado do goberno, destacou a importancia da cooperación institucional, tanto entre os propios Concellos, como entre a administración central e as municipais. Lembrou ademais que “temos que seguir a defender o medio ambiente, neste caso en canto ao ciclo da auga e as respostas ao reto demográfico, facendo moito máis amigable e residencia en zonas rurais de poboación dispersa”.
A redacción destes proxectos contemplará un estudo pormenorizado das parcelas particulares que poidan ser obxecto de servidume de acueduto así como de todas as afeccións sectoriais que requiran de autorización administrativa previa á execución das obras.
En palabras de Alejandro Lorenzo, Presidente do Consorcio do Louro, “Coa redacción destes proxectos, o Consorcio de Augas do Louro dá un paso decisivo para cumprir coa veciñanza de Salceda de Caselas. O noso obxectivo é claro: que ningún veciño ou veciña quede atrás no acceso a un servizo tan básico e esencial como é o saneamento. Grazas aos fondos Next Generation, estamos a deseñar a folla de ruta técnica que nos permitirá, nun futuro próximo, garantir a mesma calidade de vida e os mesmos servizos en todo o territorio municipal, independentemente de onde se viva.”

