O Concello de Salvaterra de Miño ven de asinar o manifesto “Ponle Freno Peatones 2030”. Esta iniciativa na que están adheridas grandes cidades como Badalona, Zaragoza, Palma, Málaga, Valencia, Vigo, Bilbao, Santander, Madrid e Las Palmas de Gran Canaria e que foi difundida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) demostra o compromiso do noso concello coa seguridade dos peóns, co obxectivo de reducir o número de mortes e feridos graves.
Ponle Freno e o seu Centro de Estudos e Opinión Ponle Freno lanzan este manifesto para buscar o firme compromiso dos concellos asinantes de redobrar as medidas de seguridade nas súas vilas e cidades, especialmente as destinadas a reducir os máis de 12.000 accidentes de peóns que se producen cada ano nas nosas comunidades, resultando en máis de 200 mortes e máis de 1.500 feridos graves.
Por iso, comprometémonos a facer todos os esforzos técnicos, estruturais, regulamentarios e humanos necesarios para garantir que, para o ano 2030, o número de peóns mortos ou feridos graves se reduza á metade.

