O pasado martes Salvaterra de Miño viviu un día moi especial coa inauguración dunha nova biblioteca na sede do CRA A Lagoa, un proxecto que reflicte o traballo en equipo, a ilusión e o compromiso de toda a comunidade.
A celebración contou coa presenza de representantes de diferentes institucións e colectivos e familias que apoiaron e contribuíron a facer posible este espazo. Ó acto asistiron Asun Carballo, asesora de bibliotecas escolares de Pontevedra; Judith Fernández Novoa, Directora Xeral de Ordenación e Innovación Universitaria; César Pérez Ares, Director Territorial de Educación de Pontevedra; Marta Valcárcel, Alcaldesa de Salvaterra de Miño; Lorena Soto, Concelleira de Educación; e María Teresa Fournol, inspectora.
O Concello de Salvaterra de Miño, foi fundamental nesta iniciativa. Grazas ás obras na terraza exterior, que se converteron nun recuncho espectacular, e ao esforzo do persoal municipal o novo espazo é unha realidade. Ademais, a fachada do centro agora exhibe unha nova placa identificativa do CRA A Lagoa, que incorpora o novo logo deseñado por Mónica Medeiros Casado, antiga mestra do centro, e que simboliza a unión e o compromiso coa metodoloxía Montessori e a educación activa.
Este acto tamén foi un recoñecemento ao equipo docente, que leva anos traballando pola mellora continua do centro, e en especial a Lourdes, antiga mestra e precursora do programa PLAMBE, que permitiu dotar a biblioteca de mobiliario e fondos adecuados. A todos os que pasaron polo centro e deixaron a súa pegada, grazas por contribuír a este proxecto.
Parte fundamental tamén do proxecto son as familias, en particular á ANPA Pequeniños, pola súa colaboración e apoio na montaxe do mobiliario e na organización do servizo Concilia, que este curso se iniciou para facilitar a conciliación familiar.
Este novo espazo é froito de moito amor, ilusión e traballo en equipo. Representa a unión da comunidade educativa e o compromiso de crear un lugar de encontro, lectura e aprendizaxe para todos e todas.



