O Concello de Salvaterra de Miño presentou a XII Festa do Viño Espumoso de Galicia, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de decembro e que volverá converter o municipio nun punto de encontro para poñer en valor os espumosos galegos, a gastronomía e a cultura.
O acto contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte; da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; do presidente da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, Antonio Alén; e da concelleira de Cultura, Lorena Soto. No acto destacaron a importancia desta celebración para promocionar os espumosos galegos, apoiar o sector vitivinícola e dinamizar a actividade económica, turística e cultural do municipio.
Durante a presentación púxose de manifesto o potencial dos espumosos galegos como produtos de calidade diferenciada, capaces de representar a singularidade dos territorios vitivinícolas, poñer en valor as variedades autóctonas e o saber facer das adegas galegas, así como contribuír á diversificación da oferta enoturística e gastronómica.
A programación desta XII edición combinará a promoción e degustación de espumosos de Galicia cunha ampla proposta gastronómica e cultural. A música terá un protagonismo especial, coas actuacións de Meizoi, D’Crooners, Laura Marino & Iker Faure, Alteanos, Mambas Negras, Cadencia Rota, Urbano Cabrera e Somoza Trío, que poñerán a banda sonora ás diferentes xornadas da festa.
Ademais, o público poderá gozar dunha degustación de cócteles elaborados con espumosos, unha proposta para descubrir novas formas de desfrutar destes viños. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo cun mega obradoiro de globoflexia, pensado para que as familias poidan participar e gozar da celebración.
Con esta nova edición, Salvaterra de Miño reafirma a súa aposta por unha festa que xa é unha referencia na promoción dos espumosos galegos e que une viño, gastronomía, música e lecer para todos os públicos, contribuíndo a dar visibilidade á riqueza vitivinícola de Galicia e a dinamizar o municipio.

