• A peza propón unha reflexión sobre os conflitos bélicos desde a sensibilidade e a emoción, demostrando que o teatro tamén pode ser unha ferramenta para comprender o mundo e achegar cuestións complexas ás novas xeracións.
• O certame volveu poñer de manifesto a importancia da colaboración entre o IES Ribeira do Louro, Editorial Galaxia e o Concello do Porriño para fomentar a dramaturxia galega e achegala ás novas xeracións.
A sala de comunicación do Concello do Porriño acolleu este luns a presentación de “Sós”, a obra coa que o dramaturgo Carlos Labraña se alzou co IX Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2026, publicada por Editorial Galaxia. O acto contou coa participación do autor, da escritora e coordinadora do certame, Raquel Castro; do director de Edición de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, ademais do público que quixo acompañalos nesta cita coa literatura galega.
A obra de Carlos Labraña aborda a realidade da guerra e as súas consecuencias a través dunha linguaxe poética, próxima e especialmente coidada. Dirixida ao público xuvenil, a peza propón unha reflexión sobre os conflitos bélicos desde a sensibilidade e a emoción, demostrando que o teatro tamén pode ser unha ferramenta para comprender o mundo e achegar cuestións complexas ás novas xeracións.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de continuar apostando por iniciativas que fomenten a creación literaria en galego e acheguen o teatro á mocidade. “É unha satisfacción ver como este premio segue medrando ano tras ano e como O Porriño continúa sendo un punto de encontro para autores, lectores e persoas que traballan pola nosa cultura. Queremos que este premio siga medrando e sumando moitas edicións máis”, sinalou.
O texto foi elixido por unanimidade polo xurado da novena edición do certame, integrado por Iván Caloto, Pepa Barreiro, Delio García Represas e Raquel Castro, aos que o Concello quixo trasladar o seu agradecemento polo traballo, a dedicación e o compromiso coa promoción da dramaturxia en lingua galega.
O Concello do Porriño tamén quixo recoñecer especialmente o labor do IES Ribeira do Louro, unha peza fundamental na continuidade deste premio, así como o compromiso de Editorial Galaxia, que un ano máis continúa apoiando este proxecto e que nesta novena edición publica “Sós”, de Carlos Labraña, contribuíndo a que a obra gañadora chegue ás librarías e ao público lector.
Neste sentido, Lorenzo quixo poñer en valor a colaboración de todas as partes implicadas. “Detrás de cada edición hai moitas persoas que dedican tempo, esforzo e ilusión para que este premio sexa posible. Quero agradecer especialmente o compromiso do IES Ribeira do Louro, de Editorial Galaxia e de todas as persoas que forman parte do xurado. Desde o Concello seguiremos apoiando e impulsando este certame, coa mesma ilusión e co firme compromiso de que continúe medrando e sumando moitas edicións máis”, expresou.
O rexedor tamén trasladou os seus parabéns a Carlos Labraña polo recoñecemento recibido e fixo extensiva a felicitación a todos os autores e autoras que cada ano participan no mesmo. “Parabéns a Carlos por este galardón e grazas a todos os participantes que, edición tras edición, presentan os seus traballos e contribúen a que esta iniciativa siga viva. Son eles os verdadeiros protagonistas e os que fan que este premio sexa cada ano un éxito”, engadiu.
A xornada contou tamén coa colaboración da Librería Paz, que se encargou da venda de exemplares nas propias dependencias municipais, facilitando que o público asistente puidese facerse coa obra.
Desde o Concello agradeceuse igualmente a presenza de todas as persoas que asistiron á presentación e que, co seu interese e apoio, contribúen a dar visibilidade á literatura e ao teatro en galego.
Con nove edicións ás súas costas, o Premio Roberto Vidal Bolaño continúa abrindo camiño a novas propostas dramáticas dirixidas á mocidade. Un proxecto nacido da colaboración entre o IES Ribeira do Louro, Editorial Galaxia e o Concello do Porriño, que mantén a súa vocación de apoiar os autores, fomentar a lectura e achegar o teatro galego ás novas xeracións.

