Máis de 250 escolares de educación primaria e secundaria do concello de Soutomaior participaron nesta xornada na II edición de Soutomaior Acende a Lingua. Unha actividade de intercentros educativos onde se correu pola lingua galega prestando especial atención, neste ano, ás canteiras da nosa terra homenaxeadas no día das Letras Galegas.
O concello de Soutomaior acendeu a lingua neste 16 de maio. Dentro da programación das Letras Galegas o concello de Soutomaior organizou nesta xornada a segunda edición desta iniciativa que é “Soutomaior acende a Lingua”. Unha actividade cuxo obxectivo principal é amosar, a través dos cánticos, bailes e a convivencia a importancia de falar a nosa lingua, o galego, a importancia de transmitir e do relevo xeracional do noso idioma.
As 10:15h. Soutomaior comezou a acender a Lingua en Salgueirón coas alumnas e alumnos do Colexio Santiago Apóstol, estes estudantes iniciaron o percorrido para coller no IES aos estudantes deste instituto onde xuntos seguiron ata o CEIP Padín Truiteiro para coller os máis pequenos desta iniciativa, as alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria. O percorrido levounos, con cánticos, bailes e moito divertimento ata a Praza de Talo Río.
Unha vez que chegaron a Talo Río, tiveron tempo para merendar e, a continuación, desfrutar da actuación de Álvaro R. Carballo e Patri S. Seoane que fixeron un percorrido pola historia dos instrumentos máis tradicionais da nosa cultura galega, onde como non, estivo moi presente o pandeiro, de Soutomaior, de Maruja das Cortellas.
Trala actuación, Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, fixo entrega aos centros participantes, CEIP Manuel Padín Truiteiro, IES Soutomaior e Colexio Santiago Apóstol dunha placa conmemorativa pola participación nesta iniciativa. O alcalde aproveitou a ocasión para lembrar a historia da nosa lingua e o importante que é mantela viva, Lourenzo dixo “que o galego non é mellor nin peor que outras linguas, pero é a nosa lingua e nos vosas mans está a labor de que perviva co paso do tempo”
Como colofón final, alumnas e alumnas dos centros participantes subiron ao escenario para cantar as cancións da cultura popular galega preparadas para esta xornada. Un momento onde non faltou a Carolina ou Palmira.