Soutomaior adxudica a reforma e instalación de tres novas pistas de pádel na Montesiña por máis de 250.000 euros

Redacción

A actuación, financiada ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, terá un prazo de execución de tres meses e medio

O Concello de Soutomaior vén de adxudicar á empresa Suministros Integral del Agua S.L. as obras de “Reforma e instalación de tres pistas de pádel na Montesiña”, por un importe superior aos 250.000 euros e cun prazo de execución de tres meses e medio.

A actuación está financiada ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra e forma parte da aposta do Concello de Soutomaior por continuar mellorando e ampliando os servizos e infraestruturas deportivas municipais e favorecer a práctica deportiva entre a veciñanza.

O proxecto contempla a transformación da actual pista de tenis da Montesiña en tres novas pistas de pádel, así como a ampliación da bancada lateral e da cuberta existente para adaptalas ás novas dimensións da superficie deportiva.

A actuación incluirá tamén a execución dunha nova bancada de formigón con asentos revestidos de madeira, así como os correspondentes traballos de cerramento e adecuación do espazo para garantir unhas instalacións máis cómodas, seguras e funcionais para as persoas usuarias.

O complexo deportivo da Montesiña constitúe actualmente unha das principais zonas deportivas do municipio e conta con diferentes equipamentos, entre eles un pavillón polideportivo, vestiarios, pistas de tenis e pádel e unha pista descuberta de pickleball.

Un deporte cunha demanda crecente

O Concello destaca que nos últimos anos o pádel experimentou un importante crecemento entre a veciñanza, cunha demanda que abrangue persoas de diferentes idades, desde nenos e adolescentes ata persoas adultas e maiores.

O concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, salienta que “o pádel é unha disciplina cunha demanda crecente en Soutomaior e esta actuación permitiranos dar un salto importante na oferta deportiva municipal. Imos contar con tres novas pistas nun espazo renovado, máis accesible e preparado para acoller a práctica deportiva durante todo o ano”.

Outeiro destaca tamén que “non se trata só de aumentar o número de pistas, senón de mellorar a calidade das instalacións e crear un espazo que permita seguir impulsando o deporte. Queremos que a Montesiña siga medrando como un referente deportivo para Soutomaior e para a súa veciñanza”.

Con esta actuación, Soutomaior incrementará de maneira significativa a súa oferta de pistas de pádel e permitirá dispoñer de máis espazos e en mellores condicións para a práctica deste deporte durante todo o ano.

A mellora das instalacións permitirá ademais impulsar a celebración de adestramentos, torneos e competicións, dando resposta ás necesidades das persoas usuarias e dos equipos deportivos existentes no municipio.

Comparte este artigo