Soutomaior avanza na esteralización das colonias felinas

adminON
Lectura mínima de 3

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “pouco a pouco estamos a dar solución a unha problemática que levaba anos a afectar aos veciños e veciñas do noso concello”.

O Goberno de Soutomaior ten previsto chegar nos vindeiros días aos 50 gatos esterilizados ao abeiro da campaña de control das colonias felinas municipais desenvolta desde o comezo do mandato. Ademais, desde o pasado mes de xuño e por primeira vez na historia, Soutomaior adheriuse ao convenio con CAAN, o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación, co obxectivo de efectuar un mellor control das colonias felinas.

Neste sentido, a concelleira de Medio Rural, Charo Bouzón, explicou que para levar a cabo o control das colonias felinas, o Goberno de Soutomaior leva meses a efectuar labores de localización, alimentación e xestión veterinaria dos animais, a cargo de fondos propios e coa colaboración de voluntariado veciñal. Neste sentido, o Concello de Soutomaior conta cun rexistro das colonias felinas, actualizado de maneira semanal.

A concelleira sinalou que “as colonias felinas eran unha situación que viña preocupando ás veciñas e veciños dende hai xa anos, xa que vían como aumentaba a poboación de gatos e estábase a volver incontrolada e a derivar en problemas ambientais e mesmo sanitarios. Con estas actuacións, dende o Goberno de Soutomaior estamos a dar solución ”

Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu todo o traballo inxente levado a cabo polos veciños e veciñas voluntarias que axudan ao Concello á hora de capturar os animais, trasladalos a CAAN, recollelos e transportalos de volta ás colonias felinas e a solta dos gatos. “Pouco a pouco seguiremos coas esterilizacións para dar solución a esta problemática que afecta á veciñanza do noso concello”.

O alcalde Manu Lourenzo tamén fixo un chamamento a que a veciñanza esterilice os seus gatos domésticos naqueles casos nos que aínda non o fixesen, especialmente nas zonas rurais, co obxectivo de que as colonias felinas non crezan aínda máis. “Coa chegada da primavera aparecen camadas abandonadas preto de contedores de lixo, tal é como ven lamentando a veciñanza dende hai tempo. É unha situación que entre todas e todos temos que evitar”, engadiu.

Comparte este artigo