Música, espectáculos e obradoiros creativos encherán a Carballeira do Peirao de Arcade os días 22 e 23 de agosto cunha nova edición do festival, que segue apostando pola lingua galega, a creatividade e o espírito punk
Esta mañá o alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Rosana Martínez Boullosa, presentaron na Carballeira do Peirao unha nova edición da Punkativada. O festival para a xente miúda regresa a Soutomaior os días 22 e 23 de agosto cunha programación pensada para que nenos e nenas, familias e público de todas as idades desfruten dunha fin de semana chea de música, teatro, humor e actividades creativas.
Dende o Concello de Soutomaior convidan a todas as familias a achegarse á Carballeira do Peirao de Arcade e desfrutar dunha cita pensada para compartir e gozar en familia nunha das contornas naturais máis emblemáticas do municipio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, anima a toda a rapazada do concello e da contorna a participar nesta cuarta edición e a “volver sacar ese espírito punki que todos levamos dentro”, nun festival que ano tras ano aposta por ofrecer unha programación cultural e de ocio pensada especialmente para a xente miúda.
O festival comezará o sábado 22 de agosto con obradoiros creativos de A que soa a lingua? Lingua Punki, nos que os participantes poderán explorar a poesía e experimentar con tatuaxes, maquillaxes e peiteados punki. Ás 13:00 horas chegará o espectáculo A Estrada, de Natalia Outeiro Pajarito, e pola tarde será a quenda de Historias para escangarriñarse, de Teatro Ghazafelhos, ás 17:00 horas, e de Comisión de festas, de Brais das Hortas, ás 19:30 horas.
A programación continuará o domingo 23 de agosto con novas sesións dos obradoiros A que soa a lingua? Lingua Punki. Ás 13:00 horas terá lugar o concerto tributo Lembra Xabarín, unha proposta familiar que recupera a música e o espírito rebelde do Xabarín Club, mentres que ás 17:00 horas Pan con chocolate, de María da Pontragha, pechará a programación cunha sesión de contacontos que mestura sabor, memoria e imaxinación.
Con esta programación, o Punkativada chega á súa cuarta edición consolidándose como unha proposta cultural para a xente miúda, na que a música, o teatro, o humor e a lingua galega se combinan para ofrecer unha fin de semana diferente para toda a familia. Todas as actividades serán de balde.

