Os tres concellos acadan un acordo con Augas de Galicia para impulsar unha infraestrutura de preto de 17 millóns de euros que mellorará a calidade das augas, reforzará a protección ambiental e beneficiará sectores estratéxicos como a pesca e o marisqueo
O Concello de Soutomaior deu un paso decisivo para facer realidade unha das infraestruturas máis demandadas das últimas décadas. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, xunto ao alcalde de Vilaboa, César Poza, e á concelleira de Pontevedra, Eva Vilaverde, anunciaron este martes que os tres concellos acadaron un acordo con Augas de Galicia para impulsar a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Arcade, unha actuación estratéxica para garantir o saneamento do fondo da ría de Vigo e da Enseada de San Simón.
Os tres concellos teñen xa os convenios asinados, quedando unicamente pendentes os últimos trámites administrativos para formalizar definitivamente o acordo e iniciar o desenvolvemento dun proxecto chamado a transformar o sistema de depuración da comarca.
A nova EDAR suporá un investimento de entre 16 e 17 millóns de euros, financiados maioritariamente con fondos europeos, coa colaboración de Augas de Galicia e das tres administracións locais. No caso de Soutomaior, o Concello asumirá unha achega de arredor de 1,7 millóns de euros, ademais da adquisición dos terreos necesarios para a execución da infraestrutura.
Durante a comparecencia, o alcalde de Soutomaior destacou que este acordo permite desbloquear un proxecto histórico que levaba anos sen avances e que resulta fundamental tanto para a protección ambiental como para o desenvolvemento económico da contorna.
“Atopámonos cun proxecto que levaba anos sen executarse e sen os deberes feitos. Desde o primeiro momento traballamos da man dos concellos de Vilaboa e Pontevedra e con Augas de Galicia para desatascar unha actuación imprescindible para o futuro da nosa ría”, sinalou Manu Lourenzo.
O rexedor explicou que a actual depuradora conta cun sistema completamente obsoleto, sen tratamento secundario, que provoca verteduras nun espazo de alto valor ambiental como é a Enseada de San Simón, integrada na Rede Natura. A nova infraestrutura incorporará a mellor tecnoloxía dispoñible, incluíndo un tanque de tormentas que evitará os alivios directos á ría durante episodios de fortes choivas, mellorando de forma substancial a calidade das augas.
Ademais, a construción da nova EDAR permitirá liberar o espazo que ocupa a instalación actual, favorecendo a recuperación dun enclave privilexiado da fachada marítima de Arcade e reducindo o impacto paisaxístico desta infraestrutura.
Pola súa banda, tanto o Concello de Pontevedra como o de Vilaboa destacaron a importancia da colaboración institucional para sacar adiante un proxecto que mellorará a calidade de vida da veciñanza, contribuirá á recuperación ambiental da ría e reforzará a actividade económica vinculada ao mar, especialmente a pesca e o marisqueo.
Os tres responsables municipais coincidiron tamén en reclamar a incorporación da Deputación de Pontevedra ao financiamento desta actuación, ao tratarse dunha infraestrutura de carácter supramunicipal e estratéxica para toda a provincia.
Segundo as previsións actuais, a nova depuradora poderá estar rematada ao longo do período de execución previsto no Plan Hidrolóxico, arredor do ano 2029, converténdose nunha das actuacións ambientais máis relevantes para o futuro da Enseada de San Simón e do fondo da ría de Vigo.

