O Concello de Soutomaior xa ten en marcha a renovación completa do seu parque de colectores, unha actuación que forma parte da implantación da nova concesión do servizo de recollida de residuos e da estratexia municipal “Conscientes, medra en verde”, destinada a avanzar cara a un modelo máis sostible e eficiente de xestión ambiental.
A actuación suporá a substitución de todos os colectores existentes mediante a instalación de 422 unidades de carga lateral na zona urbana e 180 colectores de carga traseira distribuídos polo rural, adaptando así o servizo ás características de cada contorna e mellorando a súa funcionalidade.
Os novos colectores incorporan os deseños do recoñecido ilustrador pontevedrés Luís Davila, autor da imaxe da campaña de sensibilización que acompañará a posta en marcha deste novo modelo de xestión de residuos. A iniciativa inclúe tamén unha páxina web específica e unha guía de reciclaxe na que se recollen os diferentes servizos e recursos postos a disposición da veciñanza.
O obxectivo desta actuación é facilitar a separación dos residuos, incrementar as taxas de reciclaxe e reforzar a concienciación cidadá sobre a importancia dunha correcta xestión ambiental.
O alcalde de Soutomaior destacou que esta renovación representa “un paso fundamental para facer de Soutomaior unha comunidade máis limpa e sostible”, ao tempo que subliñou que “a colaboración de toda a veciñanza será imprescindible para acadar os obxectivos marcados e consolidar un modelo de éxito”.
A renovación dos colectores desenvolverase de maneira progresiva durante as próximas semanas, completando unha das actuacións máis visibles da nova concesión e reforzando o compromiso do Concello coa sustentabilidade, a economía circular e a mellora continua dos servizos públicos.

