A primeira fase comezará o 8 de setembro e suporá o corte total da vía entre a Fonte do Conde e o Froiz durante aproximadamente dous meses.
O Concello de Soutomaior iniciará o vindeiro martes 8 de setembro, ás 8:00 horas, as obras de mellora da accesibilidade da rúa Roxelio Landeiro, unha actuación cun investimento de 750.000 euros, ao abeirdo do Plan Extra da Deputación Provincial, que permitirá transformar integralmente un dos principais accesos ao núcleo urbano de Arcade.
A primeira fase dos traballos terá unha duración estimada de dous meses e implicará o corte do tráfico nos dous sentidos desde o cruce da Fonte do Conde ata a zona do Froiz. Durante este período, tamén permanecerá cortada á circulación de vehículos na ponte de Ponte Sampaio, polo que será necesario utilizar os itinerarios alternativos habilitados.
O Concello pide á veciñanza e ás persoas usuarias da vía comprensión e colaboración durante a execución dos traballos, ao tratarse dunha actuación de importante envergadura que permitirá renovar por completo este ámbito urbano.
Unha vez finalizada esta primeira fase, os traballos continuarán nas fases 2 e 3, no tramo comprendido entre o Froiz e o cruce de Abanca. Nestes casos, as obras executaranse por metade da calzada, mantendo aberto o outro medio para permitir a circulación en dobre sentido. A duración prevista destas fases é de aproximadamente catro meses.
Unha transformación urbana para recuperar espazo para as persoas
A actuación foi adxudicada a Castro Figueiro S.L. por 750.000 euros e está financiada ao abeiro do Plan Extra 2025 da Deputación Provincial de Pontevedra.
O proxecto contempla unha transformación integral da rúa, actualmente marcada polo deterioro da vía, o predominio do tráfico rodado e a escaseza de espazos destinados á mobilidade peonil.
A intervención permitirá crear un novo espazo urbano máis accesible, seguro e amable, integrado na contorna histórica da ponte de Ponte Sampaio.
Entre as actuacións previstas atópanse a instalación de materiais como pedra e adoquín, a creación de plataformas únicas, novas zonas verdes e a colocación de mobiliario urbano.
O obxectivo é favorecer os desprazamentos a pé, mellorar a seguridade viaria e recuperar espazos de convivencia que contribúan tamén á dinamización social e económica desta zona de Arcade.
Manu Lourenzo: “É unha obra importante para a transformación de Arcade”
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o inicio desta obra supón un novo paso adiante na transformación urbana que estamos impulsando en Arcade”.
“Somos conscientes de que durante os próximos meses haberá molestias e afeccións á circulación, especialmente durante esta primeira fase, pero tamén sabemos que estamos ante unha actuación necesaria e moi importante para o futuro da vila”, explicou.
Lourenzo destacou que “o obxectivo é recuperar espazo público para as persoas e conseguir unha contorna máis accesible, segura e amable para a veciñanza”.
O inicio dos traballos dá continuidade ao proceso de modernización do núcleo urbano de Arcade e ao programa de investimentos que o Concello de Soutomaior está a desenvolver para a renovación das rúas e dos espazos públicos.
Coa actuación en Roxelio Landeiro, o Goberno municipal continúa avanzando na recuperación urbana de Arcade e na creación dun Soutomaior máis accesible, habitable e preparado para o futuro.

