Soutomaior prepárese para vivir esta tarde a eclipse solar co Peirao de Arcade como punto de observación

Redacción

As 2.000 lentes homologadas repartidas polo Concello xa están esgotadas tras a gran resposta da veciñanza

Soutomaior prepárase para vivir esta tarde un dos fenómenos astronómicos máis destacados dos últimos anos. O Concello habilitará o Peirao de Arcade como punto de observación, un espazo aberto e con boa visibilidade cara ao oeste, fundamental para seguir un fenómeno que terá lugar a baixa altura sobre o horizonte.

En Soutomaior, a eclipse comezará arredor das 19:30 horas, alcanzará o seu máximo ás 20:30 horas e finalizará aproximadamente ás 21:22 horas, cunha ocultación do Sol próxima ao 99,6 %.

A chegada desta cita astronómica estivo acompañada por unha campaña municipal de divulgación e concienciación. O Concello repartiu un total de 2.000 lentes homologadas para a observación da eclipse, que xa están completamente esgotadas debido á gran demanda por parte da veciñanza. Esta iniciativa completou a xornada divulgativa celebrada o pasado 11 de xullo, na que se explicou como se produce unha eclipse solar e se ofreceron recomendacións para poder observala de maneira segura.

A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, destacou que “a resposta da veciñanza demostra o enorme interese que existe por vivir este fenómeno desde Soutomaior. Queriamos que a xente puidese desfrutalo, pero sempre tendo moi presente a seguridade, e por iso apostamos tanto pola información como polo reparto das lentes homologadas”.

Desde o Concello lembran que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección axeitada. É imprescindible utilizar lentes homologadas, que estean en perfecto estado e que procedan de distribuidores de confianza. Non son válidas as lentes de sol convencionais, radiografías, CDs ou outros métodos caseiros. Tampouco se deben utilizar cámaras, prismáticos ou telescopios sen filtros solares específicos.

Ademais, ao tratarse en Soutomaior dunha eclipse parcial, aínda que moi acusada, a protección ocular debe manterse durante toda a observación, sen retirar as lentes en ningún momento.

O Concello anima á veciñanza a achegarse ao Peirao de Arcade para desfrutar desta cita astronómica, sempre con precaución e seguindo as recomendacións de seguridade.

Comparte este artigo