O Concello de Soutomaior presentou hoxe a programación da III Semana Grande, unha cita que do 1 ao 7 de agosto volverá converter o municipio nun dos grandes referentes festivos da comarca. Música en directo, gastronomía, tradición e actividades para todos os públicos conforman unha programación pensada para que a veciñanza e as persoas visitantes poidan desfrutar dunha semana de celebración e convivencia.
As orquestras Bravú Xangai, Panorama, Kubo e París de Noia serán os pratos fortes desta terceira edición da Semana Grande de Soutomaior, que terá lugar entre os días 1 e 7 de agosto. O torreiro da Feira da Dez (Candán), a carón do campo municipal de fútbol Graciano Padín, encherase coa música coas mellores orquestras do actual panorama galego e estatal.
Ademais, o programa da Semana Grande, que foi presentado esta mañá polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, inclúe unha ampla variedade de actividades para todos os públicos durante os días que dure a festa, desde concertos de pequeno formato e sesións vermú ata un espectáculo de cociña en directo e un xantar popular que irá con inscrición.
O rexedor, que hoxe estivo acompañado polos concelleiros Pablo Garrido e Gonzalo Outeiro, por membros da Asociación de Empresarios de Arcade e Soutomaior, representantes das asociación de veciños e varios cociñeiros do concello que participarán nesta III Semana Grande, sinalou que esta terceira edición da Semana Grande “é unha programación feita para que toda a veciñanza poida vivir e compartir as festas do noso concello, combinando música de primeiro nivel, tradición, gastronomía e actividades pensadas para todas as idades”.
O rexedor puxo tamén en valor o carácter participativo da Semana Grande. “Estas festas son un reflexo do que somos como pobo. A gastronomía, as celebracións tradicionais e a implicación da veciñanza forman parte da nosa identidade e son fundamentais para seguir construíndo un Soutomaior vivo, dinámico e orgulloso das súas tradicións”.
Así, o alcalde Manu Lourenzo concluíu “animo á veciñanza a participar en todas as actividades programadas e a desfrutar dunha semana na que a música, a cultura popular e a convivencia volverán ser as grandes protagonistas do verán en Soutomaior”.
PROGRAMACIÓN
A apertura das festas terá lugar o sábado 1 de agosto co tradicional chupinazo desde a Casa do Concello, ás 21.00 horas, acompañado pola espectacular Mekanika Rolling Band, que protagonizará un pasarrúas ata a contorna da Igrexa do Divino Salvador. A noite continuará co concerto da Orquestra Bravú Xangai, unha das formacións máis singulares do panorama musical galego, que actuará a partir das 23.00 horas.
Un dos pratos fortes da programación será o paso por Soutomaior de tres das orquestras máis demandadas de Galicia. O luns 3 de agosto chegará ao Torreiro da Feira da Dez, en Candán, a Orquestra Panorama, acompañada da sesión de La Mega CD. O mércores 5 será a quenda da Orquestra Kubo e da discomóbil Dolce Vita, mentres que o venres 7 as festas pecharanse coa actuación da Orquestra París de Noia e da discomóbil EME Music.
A programación reserva tamén un espazo destacado para a gastronomía local. O domingo 2 de agosto celebrarase o Día da Cociña de Soutomaior, cunha sesión vermú amenizada por Biversión, integrado por Lucía Lugrís e Víctor Movilla; un show cooking e degustación a cargo de cociñeiras e cociñeiros do municipio; o tradicional xantar popular da veciñanza —con inscrición previa ata o 29 de xullo nas oficinas xerais do Concello— e a actuación do Dúo A Visión durante a tarde.
As tradicións tamén terán un papel protagonista durante a Semana Grande. O xoves 6 de agosto celebrarase o Día de San Salvador, coa procesión acompañada pola Banda de Música Artística de Arcade, mentres que o venres 7 terá lugar a tradicional Romaría de San Caetano na ermida situada no Castelo de Soutomaior, coa sesión vermú amenizada por Aires da Castrelada.
SERVIZOS COMPLEMENTARIOS
Haberá servizo de autobús lanzadeira, os días 3, 5 e 7 de agosto que irá desde o Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’ ata o Torreiro da Feira da Dez (Candán) en horario de 21:30h a 23:30h horas e de 00.00 a 03.00 h. O percorrido do bus será continuo de ida e volta nos horarios indicados.

