O encontro terá lugar os días 31 de maio e 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz. Unha cita que ten como obxectivo poñer no lugar que merece a uva albariña de Soutomaior, unha uva que tantos colleiteiros e colleiteiras levan décadas coidando e mimando.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acompañado dos colleiteiros e colleiteiras do concello presentaron nesta xornada o I ECONTRO DO VIÑO COLLEITEIRO de Soutomaior. Unha cita que se desenvolverá o día 31 de maio e o 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz.
Trátase dunha actividade, feita con moito agarimo dende o Goberno Local, que leva sendo demandada dende hai moito tempo. Tal e como dixo nesta xornada Manu Lourenzo, “hoxe facemos un acto de xustiza cunha tradición con mulleres e homes que hai décadas que levan traballando un produto que nos fai único que nos fai únicos e que nos diferenza como é uva albariña de Soutomaior”.
O principal obxectivo deste encontro é, da man dos colleiteiros e das colleiteiras de Soutomaior, poñer no lugar que se merece unha tradición como é a tradición de colleiteiros e viticultura de Soutomaior.
Lourenzo sinalou ademais que “se hoxe por hoxe seguirmos tendo uva albariña en Soutomaior é porque hai persoas que a traballan que a coidan a miman e a converten en viños dunha altísima calidade”.
Para rematar o alcalde dixo que con este encontro “nós o que queremos é facer un recoñecemento acompañar tanto traballo e tradición e historia e citarnos a todas e a todas na fin de semana para que todos poidamos degustar e desfrutar non soamente do produto que se elabora coa nosa uva senón dunha xornada de convivencia, de compartir e de desfrutar ao lado de tanta xente e na que poidamos desfrutar un pouquiño so do agarimo e do mimo e do traballo que lle poñen a colleita na elaboración destes viños”.
Un encontro no que participarán: o Furancho Linchú(Vela), Furancho do Pazo María & Conrado(Comboa), Adega do músico(O Sobral), María Sobral(Romariz), Albariño da Baralla(O Val), A casa de Lisa(O Sobral), Irmáns Lorenzo(O Sobral), Furancho O Maroco(Alxán), Veigha do Meirolas (O Rial) e Aires do Verdugo(O Rial).
Programación
Este encontro do viño colleiteiro contará cos dous días de celebración. O sábado, 31 de maio, as casetas abriranse de 12:00 a 22:30h. Haberá espazo gastro-bar en horario de 13:00 a 16:00h e de 20:00 a 22:30h neste espazo haberá polbo, churrasco e ostras e servizo de bar con refrescos. Ao longo da xornada haberá moitas actividades entre elas a actuación musical do grupo “Algo Pasa con Mary” o sábado ás 13:00h.Xa pola tarde ás 19:00h. terá lugar a mesa coloquio Soutomaior terra de viño, onde Manu Lourenzo dará a benvida institucional e contará coa participación de Elisa Martínez Varela, colleiteira de Soutomaior. Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía desde a empresa TERROIR EN BOTELLA. Colaborador con bodegas de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Priorat, Valencia. Traballou en Baleares, Ribera del Duero, Extremadura, Cataluña e Betanzos e leva máis de 30 vendimas en este sector e de Juanjo Figueroa, Presidente Asociación galega de Sumilleres AGASU.
Ás 20:00h terá lugar a cata a cegas realizada polo Xurado da distinción “Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025” e ás 20:30h. chegará o directo de Desconcerto.
Xa na xornada do domingo as casetas permanecerán abertas en horario de 12:00 a 16:00h. O espazo gastro – bar de 13:00 a 16:00h. e Ás 13:30h. terá lugar o peche e a entrega de diplomas e distinción oficial “Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025”.
Dende o concello convidan a todas e a todos a desfrutar deste I Encontro do viño colleiteiro. Manu Lourenzo ten claro que “será o primeiro de moitos”.