HomePontevedraSoutomaior presenta o seu Verán Activo

Soutomaior presenta o seu Verán Activo

- Anuncio -spot_img

O concello presenta esta proposta de lecer, dirixida a todas as persoas, que dinamizará os espazos de recreo do noso Concello e ás persoas mediante xogos en equipo e dinámicas sociais, deporte e aventura, hábitos saudables, contacto coa natureza, actividades en inglés e actividades para fomentar a creatividade, o benestar e a convivencia.

O ocio é algo que ocupa una parte importante das nosas vidas e, sen dúbida, está asociado a algo que nos fai vivir e tamén á autorrealización, á expresividade e tamén ao encontro entre persoas. Con tal motivo, o Concello de Soutomaior presenta O programa municipal de lecer e tempo libre “Verán Activo” Soutomaior 2025.

Un programa que esta mañá foi presentado por Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e por Rosana Martínez Boullosa, concelleira de Igualdade, Mocidade e Benestar e que ofrece alternativas de ocupación do tempo libre mediante unha ampla oferta dirixida a todos os públicos, animando a participar a todas as persoas empadroadas no termo municipal da Soutomaior para que compartan o seu tempo de lecer practicando actividades que promoven os estilos de vida saudables, potencian as inquedanzas artísticas e reforzan as habilidades útiles para a vida cotiá.

O programa actividades lúdicas, deportivas e de convivencia, durante todo o mes de xullo, que ofrecen oportunidades de socializar, de estar en contacto coa natureza para vivir experiencias cheas de diversión, aprendizaxe e desenvolvemento persoal nun ambiente seguro e enriquecedor. Dirixidas á mocidade, ás familias, as persoas maiores de 60 anos e a toda a cidadanía, que sexan para todas e para todos, inclusivas contando cos apoios necesarios para poder compartir en Soutomaior momentos de lecer compartido.

Con esta proposta o concello de Soutomaior reivindica a práctica do deporte e de actividades de lecer polos beneficios que implican para o benestar das persoas, tanto a nivel físico como mental. E con esta finalidade, o programa inclúe:

Actividades deportivas dirixidas a todas as idades: coa organización de actividades regulares como: Deporte con rede; Lecer deportivo; Camiñatas; Bailes deportivo; Campus deportivo; Deportes de aventura e no medio natural.

Actividades para maiores + 60 anos: onde se propoñen actividades para promover o benestar integral das persoas maiores de cara a un  avellentamento activo mediante a realización de actividades en grupo como:  Petanca;  Picklebal; Bailes; Camiñatas.

Actividades en familia: deseñadas como unha proposta de lecer para compartir o tempo libre en familia e desfrutalo realizando actividades que nos permitan interactuar nun espazo lúdico e de aprendizaxe para conectar, como por exemplo as propostas: Mércores en familia; Os venres, hai tema; Festa da escuma e  inchables.

Campamentos de verán para a mocidade: onde dende o concello convocan campamentos temáticos que inclúen unha variedade de actividades deseñadas para promover a diversión, a aprendizaxe e a socialización da mocidade tales como: o Campamento de Surf en Razo, o de Inmersión lingüística en inglés na Estación de Manzaneda ou o de novas tecnoloxías “Cri-Tic” que se impartirá no IES Soutomaior.

Actividades inclusivas: adaptando o deseño das actividades para permitir a participación de todas as persoas, independentemente das súas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas para eliminar barreiras e promover a diversidade en espazos de entretemento, deporte e recreación. Ofrecendo propostas concretas para sensibilizar e fomentar a inclusión tales como: Movemento inclusivo.

En definitiva unha proposta de lecer, dirixida a todas as persoas, que dinamice os espazos de recreo do noso Concello e ás persoas mediante xogos en equipo e dinámicas sociais, deporte e aventura, hábitos saudables, contacto coa natureza, actividades en inglés e actividades para fomentar a creatividade, o benestar e a convivencia.

As inscricións serán en liña (a través do apartado de pre-inscrición de actividades na web do concello, www.soutomaior.gal) para todas as actividades dende o 9 de xuño ás 9:00h ata o 20 de xuño ás 21:00h. (agás para o campamento de baloncesto cuxa inscricións será ata do 9 ao 30 de xuño e para o campamento “Cri-Tic” que será do 9 ao 13 de xuño).

Publicacións Relacionadas