O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno de Soutomaior segue traballando para dotar de máis prazas de aparcamento gratuítas o núcleo urbano e comercial de Arcade.
O Goberno de Soutomaior vén de anunciar que o aparcadoiro da Avenida Xosé Solla no que está a desenvolver importantes obras de ampliación contará cunha regulación horaria en treitos claves para o comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo no núcleo comercial de Arcade. Así, de luns a sábado, entre as 8:00 horas e as 14:00 horas, o tempo máximo de estacionamento será de tres horas.
Este aparcadoiro, que se atopa ao carón do cruce de Pierres, contaba antes da actuación que está a desenvolver o Goberno de Soutomaior con 15 prazas hábiles para estacionar. Unha vez rematen as obras, o número de prazas incrementarase ata preto das 60, multiplicando a oferta de aparcamento gratuíto só nesta bolsa de estacionamento.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “a decisión de establecer un límite horario é que este sexa un aparcadoiro dinámico, que dea servizo constante aos comercios locais nas horas de máis afluencia e que desconxestione de tráfico a Avenida Xosé Solla. É un paso máis do Goberno de Soutomaior cara un modelo urbano e de tráfico máis ordenado, calmado e que favoreza ao comercio local e ao día a día dos nosos veciños e veciñas”.
Neste sentido, o alcalde lembrou que esta considerable ampliación do aparcadoiro súmase á habilitación doutra zona de aparcamento na rúa Forneira, que sumou 20 novas prazas gratuítas e que da servizo tanto a negocios de restauración como a zonas de lecer da zona do Peirao de Arcade. Así, Manu Lourenzo agradeceu “a todas as persoas propietarias de fincas que cederon de maneira desinteresada e gratuíta os seus terreos, xa que coa súa xenerosidade axudan a Soutomaior siga avanzando”.
Ademais, o rexedor de Soutomaior afirmou que o Goberno local segue traballando para dotar de máis prazas de aparcamento gratuítas o núcleo urbano e comercial de Arcade. “Seguimos en negociacións co obxectivo de contar cada vez con máis bolsas de aparcamento para que tanto veciños e veciñas como persoas doutros concellos poidan facer uso delas”.

