O alcalde Manu Lourenzo animou a que máis veciños e veciñas descarguen a app e a empreguen para mellorar a transparencia e comunicación coa veciñanza.
Xa hai balance dos primeiros meses de implantación da app ‘Meu Concello’ en Soutomaior, unha ferramenta deseñada pola Deputación de Pontevedra e que o Goberno local emprega para que a veciñanza poida comunicar de forma áxil e directa os desperfectos que detectan no concello.
En total, nestes dous primeiros meses, o Goberno de Soutomaior recibiu 114 incidencias a través da app. Delas, preto do 90% xa foron resoltas ou están en vía de resolverse. O 10% restante corresponden a cuestións que requiren máis tempo e medios para a súa resolución, ou cuestións para as que a app non está pensada e non poden resolverse.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da app ‘Meu Concello’. Para isto, o usuario ten que acceder a Google Play ou App Store. Unha vez localizada a app, descárgase de forma gratuíta. Posteriormente, a persoa usuaria selecciona o municipio de Soutomaior. A partir dese momento, xa pode comezar a utilizar o servizo, que é totalmente anónimo. O procedemento é moi rápido e sinxelo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu a participación cidadá neste proxecto, que lle permite ao Concello coñecer estas pequenas problemáticas que se dan no municipio e así poder darlles solución o antes posible. “É imposible chegar de maneira inmediata a todas as incidencias, pero grazas a esta iniciativa podemos ter un mellor rexistro delas e así ilas atendendo todas”. Neste sentido, animou a que máis veciños e veciñas descarguen a aplicación e fagan uso dela.
O alcalde sinalou que “a implantación de ‘Meu Concello’ no noso concello por parte do Goberno local está a supor un salto na resolución das pequenas incidencias que se producen no día a día da nosa localidade. Agradecemos o soporte informático creado pola Deputación Provincial. Unha vez máis a colaboración entre institucións trae beneficios e con esta xestión o Goberno Local busca unir esforzos en beneficio da veciñanza”. “É un paso máis para mellorar a transparencia e axilizar a comunicación coa veciñanza”, concluíu Manu Lourenzo.

