O alcalde Manu Lourenzo xestionou todo o proceso coa maior celeridade posible despois de que a obra sufrise un acto de vandalismo este mesmo luns pola mañá
O Goberno de Soutomaior vén de restaurar en menos de 24 horas a peza cedida ao noso concello polo escultor e artista local Bernardo Seoane. A obra sufriu un acto de vandalismo este mesmo luns pola mañá, e desde o momento en que tivo coñecemento, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, xestionou todo o proceso de arranxo para que a escultura estivese restaurada o antes posible.
En concreto, a peza, cuxo nome é ‘O camiño das estrelas’, atópase ao remate do paseo marítimo de Arcade, ao carón da ponte romana de Ponte Sampaio. Este luns ao mediodía foron varios os veciños e veciñas que notificaron ao Goberno de Soutomaior que a escultura aparecera cercenada da súa base e tirada ao carón. Nese momento, o alcalde iniciou o proceso de restauración, que rematou na propia tarde do luns co anuncio do rexedor nas súas redes sociais de que “’O camiño das estrelas’ de Bernardo Seoane xa loce en todo seu esplendor”.
Foi o pasado mes de abril cando se presentou esta obra ante a veciñanza de Soutomaior, nun acto no que tamén se proxectou un documental sobre a vida e obra de Bernardo Seoane, realizado polo documentalista Breikus. O escultor faleceu un tempo despois froito dunha enfermidade que levaba tempo aqueixando, pero a súa escultura quedou para sempre no paseo marítimo de Arcade como lembranza do inmenso amor que Bernardo sentía polo fondo da ría de Vigo e pola arte.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “de verdade que hai cousas que non son doadas de entender”, en relación ao acto vandálico que sufriu a escultura doada por Bernardo Seoane. Unha vez arranxada a peza, Manu Lourenzo prefiriu quedarse coa fonda pegada que este ilustre veciño deixou no noso concello. “Non se pode entender o Soutomaior de hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular. Milleiros de veciños e veciñas de Soutomaior e de Ponte Sampaio temos desfrutado coas súas esculturas ao paso pola ponte”, concluíu Manu Lourenzo.

