– Lola Landeira e Carla Pérez regresan á vila de Tarrafal a través do programa Especialistas en Cooperar do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
– As capacitacións encádranse nun proxecto a catro anos para impulsar o desenvolvemento económico local sustentable co financiamento da AECID
Dúas traballadoras dos concellos de Brión e Nigrán atópanse no municipio caboverdiano de Tarrafal para apoiar o desenvolvemento económico local a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As técnicas municipais xa se desprazaran o ano pasado ao país lusófono para elaborar unha primeira diagnose, na que identificaron a necesidade das capacitacións que están a impartir nas últimas dúas semanas.
Lola Landeira, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, e Carla Pérez, xefa de brigada de incendios no Concello de Nigrán, ofreceron formación a cinco comunidades agrícolas tanto para potenciar os seus cultivos como para fomentar o asociacionismo, a fin de gañar fortaleza e aproveitar sinerxías. “Xa se creou o primeiro grupo de lideresas agricultoras para compartir información e experiencias”, explican como xermolo dunha rede que estará apoiada polas novas tecnoloxías, a través do WhatsApp e dun blog.
As Especialistas en Cooperar están a asesorar tamén ao funcionariado municipal en todo o relacionado cos espazos verdes, incluíndo problemáticas comúns cos municipios galegos, como é a erradicación da acacia. Nos próximos días reuniranse asemade coas comunidades pesqueiras para abordar a posibilidade de crear unha asociación, adaptando o modelo das confrarías que representantes do Tarrafal puideron coñecer na súa recente visita a Galicia.
“Buscamos conexións para intercambiar coñecementos; o máis importante son as persoas e establecer redes con elas para asentar as bases dun futuro sostible”, comenta Carla Pérez. “É ilusionante ver que a situación vai mellorando e que moitas iniciativas poden saír adiante”, engade Lola Landeira. As súas asistencias técnicas contan co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, no marco dun programa a catro anos.
As técnicas galegas están a aproveitar ademais a estadía para supervisar o proxecto de desenvolvemento integrado da agricultura no municipio do Tarrafal, financiado con 10.000 euros polo Concello de Nigrán a través do Fondo Galego. A actuación baséase en reactivar as áreas de cultivo en Ribeira da Prata, a fin de reducir a inseguridade alimentaria e proporcionar alternativas económicas a 24 familias, a maioría encabezadas por mulleres. Dado que, nesta zona, a seca constitúe un dos principais desafíos, estase a instalar un sistema de microirrigación que aproveite a auga subterránea. Nos próximos meses, o Concello de Nigrán seguirá a impulsar a agricultura sustentable noutras dúas comunidades do Tarrafal a través dun novo proxecto que contará tamén co apoio da AECID.
Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 55 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou en 2022 tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 116 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.