Tomiño leva a súa tradición viveirista ás prazas do Seixo e da Mina 

Redacción

O Concello incorpora máis de 20 variedades de plantas aos dous espazos públicos para crear xardíns máis verdes e agradables, con especies escollidas para reducir o consumo de auga.

A tradición viveirista de Tomiño inspira os novos xardíns das prazas do Seixo e da Mina, onde o Concello incorporou máis de 20 variedades de plantas para facer destes espazos lugares máis verdes, agradables e coidados. As dúas intervencións responden ás características de cada praza e trasladan ao espazo público unha riqueza vexetal estreitamente ligada á identidade e á economía do municipio.

Na Praza do Seixo, 19 especies distribúense en 18 parterres cuxas franxas de cores e texturas lembran a forma de organizar a produción nos viveiros. O deseño traslada así ao centro de Tomiño unha paisaxe ligada ao traballo de moitas familias e empresas do municipio, ao tempo que crea un xardín que irá cambiando coas distintas floracións e estacións.

Pola súa banda, a intervención na Praza da Mina incorpora 170 plantas de ceanothus, hortensias e salvias cunha disposición máis natural, pensada para acompañar o xacarandá que xa medra neste espazo. A elección de especies con baixas necesidades de auga e a instalación dun sistema de rega por goteo permitirán reducir o consumo e facilitar tamén o mantemento da praza.

«Tomiño é unha potencia viveirista e queríamos que esa identidade tamén estivese presente nas nosas prazas», explica a alcaldesa, Sandra González. «Seguimos co iniciado no Cultivando Paisaxes, nas rotondas e espazos sobrantes de estradas do noso concello».

A proposta paisaxística desenvolveuse da man da viveirista Sinda Dávila, e emprega plantas procedentes de viveiros do propio concello.

Comparte este artigo