O Concello de Tomiño e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño–Condado–Louriña renderon homenaxe o pasado sábado, 8 de agosto, a cinco defensores da República executados extraxudicialmente en 1936.
O Concello de Tomiño e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño–Condado–Louriña celebraron este pasado fin de semana un acto de homenaxe na PO-552, no desvío de Forcadela-Tomiño, moi preto do lugar onde apareceron os corpos de Joaquín Adelino Álvarez López, Secundino Barciela Román, José Costas Rodríguez, Cesáreo Costas Rodríguez e Evaristo Melón Martínez, asasinados o 13 de agosto de 1936.
Os cinco formaban parte dun grupo de veciños de Teis que, tras o golpe de Estado de xullo de 1936, participaron na defensa da legalidade republicana e da democracia. Despois de permanecer agochados durante varios días, conseguiron fuxir por mar cara a Portugal, pero foron detidos e entregados ás autoridades franquistas na fronteira de Tui. Tras seren encarcerados, apenas dous días despois foron sacados da prisión e executados sen ningún tipo de procedemento xudicial. Os seus corpos apareceron nun descampado entre Carregal (Amorín) e Forcadela, á beira da estrada entre Tui e A Guarda.
O acto contou coa participación de Xose Ramón Paz Antón, que afondou no contexto histórico, así como da alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Para a rexedora, “recordar a estas cinco persoas é un acto de xustiza e tamén unha responsabilidade coa nosa historia. A memoria democrática constrúese recuperando nomes, historias e lugares que durante décadas permaneceron silenciados. Só desde o coñecemento do pasado podemos seguir fortalecendo unha sociedade comprometida coa liberdade, a convivencia e os dereitos humanos”.
Sandra González quixo agradecer tamén o traballo desenvolvido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño–Condado–Louriña, “polo rigor e o compromiso co que levan anos investigando e recuperando a historia das vítimas da represión. Grazas ao seu labor podemos coñecer mellor o noso pasado e facer que historias como esta non caian no esquecemento”.
O acto foi organizado polo Concello de Tomiño e pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño–Condado–Louriña, coa colaboración da Asociación de Veciños de Forcadela e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Forcadela.

