Foi o primeiro director do colexio Pedro A. Cerviño e baixo o seu mandato acuñouse o eslogan de “O Campo Lameiro, capital galega da arte rupestre”.
Consternación en O Campo Lameiro polo falecemento de Rafael Lago Novás, mestre e ex alcalde durante varias etapas desde 1968 a 1974 e logo desde a Transición (1979) ata o ano 1983. A noticia do seu pasamento foi recibido con tristeza no municipio xa que durante moitos anos Rafael Lago foi mestre nas escolas unitarias de Couso e tamén no CEIP Pedro Antonio Cerviño, onde foi o seu primeiro director. Rematou a súa carreira docente no colexio Álvarez Limeses de Pontevedra, cidade na que residía ata o seu falecemento.
Rafael Lago Novás liderou xunto á súa dona Mercedes Gil Mendoza un proceso de acompañamento político da sociedade civil de O Campo Lameiro á democracia encabezando un proxecto político independente veciñal que o levou a acadar a Alcadía nas primeiras eleccións democráticas no ano 1979. Sucedeuno no cargo como alcalde, no ano 1983 Julio Sayáns, tamén mestre e candidato independente antes de concurrir polo PP.
En Couso, parroquia na que viviu como mestre de escola, impulsou a creación do Teleclub “O Costado” onde iban os veciños a ver a televisión, practicar diverso xogos tradicionais e onde se fundou unha biblioteca. Tamén foi un dos promotores da construción do depósito e a traía de augas.
Durante o seu mandato acuñouse o eslogan de O Campo Lameiro como capital galega da arte rupestre e impulsou diversas actuacións que dinamizaron o municipio nun momento no que a sociedade de Campo Lameiro despertaba á democracia.
O alcalde, Carlos Costa, e a Corporación Municipal do Concello de O Campo Lameiro lamentan profundamente o seu pasamento e expresan as súas condolencias á súa dona Mercedes Gil Mendoza, aos seus fillos Mercedes e Rafael e a toda a súa familia.
O funeral polo seu eterno descanso oficiarase na igrexa parroquial da Virxe do Camiño en Pontevedra, este luns ás 17 horas.

