Tui avanza na recuperación do patrimonio municipal coa rehabilitación do antigo edificio dos Xulgados da Praza da Inmaculada

Redacción

A primeira fase da actuación, financiada con 224.321,90 euros do Plan de Sostibilidade Turística, permite recuperar e acondicionar a planta baixa do inmoble e mellorar a súa conservación, eficiencia, habitabilidade e funcionalidade

O Concello de Tui continúa avanzando na recuperación e posta en valor do patrimonio municipal coa finalización da primeira fase da intervención no antigo edificio dos Xulgados da Praza da Inmaculada, un inmoble de singular valor arquitectónico que o Concello está a recuperar por fases para incorporalo plenamente ao patrimonio público útil da cidade.

Esta primeira actuación, cun investimento de 224.321,90 euros, está financiada ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística “Vive a Historia, descubre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza”, dentro da estratexia municipal de captación de fondos europeos para a recuperación e transformación de equipamentos e espazos públicos.

Os traballos centráronse no acondicionamento e posta en valor da planta baixa, mellorando as condicións de accesibilidade, conservación, eficiencia enerxética, habitabilidade e funcionalidade dos espazos.

A intervención permitiu mellorar a accesibilidade, coa creación de novos aseos públicos, incluído un aseo adaptado; renovar as instalacións eléctricas e actualizar a iluminación mediante tecnoloxía LED de baixo consumo; así como incorporar un sistema de ventilación con recuperación de calor, mellorando a eficiencia enerxética do inmoble.

Tamén se recuperou o funcionamento do sistema de calefacción mediante caldeira de pellets, coa substitución do silo deteriorado, e mellorouse o illamento térmico de paramentos e teitos. Os pavimentos interiores foron renovados mediante un sistema continuo de resinas illantes, mantendo as cotas existentes.

A actuación incluíu igualmente a mellora da habitabilidade e funcionalidade dos espazos, así como a actualización dos aseos existentes e a implantación dun novo sistema de protección contra incendios, con detección e medios de extinción mediante extintores.

No ámbito da conservación do inmoble, aplicouse un tratamento hidrofugante incoloro nas fachadas, destinado a protexer a pedra e reducir a súa permeabilidade, contribuíndo á conservación dos elementos arquitectónicos do edificio.

A intervención permite recuperar e destacar os elementos arquitectónicos que singularizan o inmoble, especialmente o seu espazo central, a galería acristalada e a sucesión de arcos de pedra que o conforman.

A actuación complétase coa nova iluminación exterior da fachada do edificio, que contribúe a destacar os seus valores arquitectónicos e a mellorar a súa integración no ámbito da Praza da Inmaculada. A nova iluminación inclúe tamén o conxunto patrimonial da fonte da propia praza, reforzando a posta en valor deste espazo.

O obxectivo desta primeira fase foi recuperar este edificio municipal, mellorar as súas condicións e dotar aos seus espazos das características necesarias para poder acoller diferentes funcionalidades, mantendo aberta a definición dos usos futuros en función das necesidades municipais.

Esta actuación xa rematada constitúe a primeira fase dun proceso máis amplo de recuperación do antigo edificio dos Xulgados. Agora coa finalidade de abordar nunha segunda fase a súa recuperación integral o Concello de Tui ten xa en marcha a redacción do proxecto para a rehabilitación da planta alta do inmoble.

Deste xeito, a intervención responde a unha planificación progresiva que permite actuar sobre o edificio por fases, priorizando inicialmente aqueles traballos necesarios para recuperar e acondicionar os espazos e continuar posteriormente coa rehabilitación do conxunto do inmoble.

O edificio comezará xa a acoller actividade nos próximos meses, demostrando a versatilidade dos espazos recuperados. Entre as iniciativas previstas figuran Espazos Efémeros, promovida polo Xeodestino Galicia Suroeste os días 9,10,11 e 12 de outubro ;  XXI edición premios AJE Vigo 2026; Hispacon 2026 – Tuidcon, os días 16, 17 e 18 de outubro; e A Emoción dos Viños 2026, os días 6 e 7 de novembro.

A recuperación do antigo edificio dos Xulgados forma parte dunha liña de actuación do Concello de Tui orientada a recuperar progresivamente edificios de titularidade municipal, actualizar as súas instalacións e adaptalos ás necesidades actuais, respectando ao mesmo tempo os seus valores arquitectónicos e patrimoniais.

Mobilizados máis de 3 millóns de euros para recuperar patrimonio e equipamentos municipais

Esta política materializouse nos últimos anos en actuacións como a transformación do Mercado de San Antonio, cun investimento de 1,3 millóns de euros; a recuperación do edificio sociocultural da rúa Camilo José Cela, con preto de 1 millón de euros; a rehabilitación da antiga cárcere, con máis de 500.000 euros; ou as actuacións no edificio do Náutico, con 250.000 euros.

No seu conxunto, son máis de 3 millóns de euros mobilizados para recuperar patrimonio e equipamentos municipais, aos que se suma agora a primeira fase do antigo edificio dos Xulgados e aos que se engadirá a futura intervención na súa planta alta.

Para o goberno municipal, esta política responde a un xeito de entender a xestión do patrimonio público que vai máis aló da simple conservación dos inmobles. Trátase de recuperalos, mantelos, adaptalos ás necesidades actuais e devolverlles funcionalidade, facendo que edificios que forman parte da historia e da identidade de Tui volvan estar en condicións de prestar servizo á cidade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que “esta actuación é un paso máis na recuperación e posta en valor do patrimonio municipal, devolvendo o uso a edificios que forman parte da identidade da cidade e que nos singularizan”.

A captación de fondos europeos está permitindo avanzar neste proceso e afrontar actuacións de rehabilitación que contribúen á recuperación progresiva do patrimonio municipal. Neste caso co financiamento do Plan de Sostibilidade Turística “Vive a Historia, descubre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza”.

Comparte este artigo