Tui logra unha flor máis e logra as 3 flores de honra no certame Vilas en Flor

Redacción

As actuacións paisaxísticas e arquitectónicas, as sendas e o proxecto a futuro foron destacados polos membros do xurado do certame


Tui vén de lograr 3 flores de honra no certame Vilas en Flor cuxa gala se celebrou onte en Salceda de Caselas. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recolleu o diploma acreditativo desta distinción, amosando a súa satisfacción polo recoñecemento ao traballo que dende o Concello de Tui se vén desenvolvendo nos últimos anos e que permite pasar das 2 flores con que contaba até o de agora ás 3 entregadas onte.
O xurado, na súa acta, destacan as últimas actuación realizadas da Praza da Fromista, Praza da Armada, e a contorna do mercado de San Antonio “con actuacións paisaxísticas e arquitectónicas axeitadas á contorna, peonalizando a contorna das actuacións das prazas”. Engade que as actuacións na rúas Ourense e Augusto González Besada, e a prevista no paseo da Corredoira “son sinais da boa dirección que leva a xestión do municipio”. Tamén destacan os membros do xurado a restauración realizada do horreo da finca Patazumba, como elemento BIC.

Outro dos puntos polos que se conceden estas tres flores de honra ao Concello de Tui é o traballo realizado na mellora dos acceso á cidade “conseguindo unha mellora paisaxística e visual importante”. Ao que se suma, engade o xurado, os labores de recuperación ou mantemento das sendas fluviais coma a do Furnia, o Caselas, a do Miño e a que está en execución dende a Ponte Internacional até o límite co termo municipal de Tomiño.

O xurado de Vilas en Flor destaca na acta tamén a existencia de exemplares de árbores destacadas coma cedros e a “poda de proceso cunha boa praxe”. As actuación desenvolvidas para cambiar as lámpadas tradicionais por luminarias led, a compostaxe de residuos e a plantación de especies con baixo consumo de auga, son outros puntos valorados. Conclúe o xurado sinalando que “destacariamos o proxecto a futuro, e sobre todo a enerxía e ilusión que nos transmitiron os nosos acompañantes do Concello”.

Vilas en Flor Galicia é un programa que recoñece o compromiso dos concellos coa mellora dos seus espazos verdes. A través dos seus galardóns, as Flores de Honra, distínguense cada ano os municipios que desenvolven iniciativas en materia de medio ambiente, xestión sostible e mellora da calidade de vida da veciñanza.

Comparte este artigo