- Xosé Merelles supervisou hoxe as obras rematadas que se enmarcan no Plan Xacobeo Next Generation, que destinou 22,7M€ a rehabilitar 10 Bens de Interese Cultural da comunidade
- O conxunto é un símbolo de Catoira e escenario central da Romaría Viquinga, unha celebración na que Turismo de Galicia ten destinado máis de 500.000€ desde 2013
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo González, supervisou este martes as obras de mellora da contorna das Torres de Catoira que incluiron entre outras actuacións a creación dun punto de información turística así coma accións de mellora da accesibilidade ao monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
As actuacións están enmarcadas no Plan Xacobeo Next Generation, cofianciado pola Unión Europa a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no que a Xunta investiu 22,7M€ para rehabilitar un total de 10 BICs da comunidade de titularidade pública.
En concreto, o orzamento total destinado á rehabilitación do conxunto monumental Torres de Oeste de Catoira foi de máis de 400.000€. Esta cantidade destinouse a varias actuacións, como a creación dun punto de información turística e un proxecto de recreación virtual que permite ao visitante achegarse á época das invasións normandas.
Outra das accións ás que se destinou o investimento consistiu na iluminación do complexo arquitectónico. Ademais, completáronse outras actuacións que permitiron mellorar o recinto, o acceso ao mesmo e, en xeral, as infraestruturas turísticas do conxunto.
O director de Turismo de Galicia puxo en valor esta inversión, así como o resto de actuacións realizadas nos BICs, como mostra do “compromiso coa sostibilidade, a posta en valor do patrimonio natural e cultural, a calidade, a diversificación, e a desestacionalización do destino” do Goberno galego.
Torres de Oeste e Romaría Viquinga
As Torres de Oeste, de orixe prerrománica, están localizadas na desembocadura do río Ulla. Foron declaradas Monumento Histórico-Artístico en 1931, e posteriormente recoñecidas como Ben de Interese Cultural.
O conxunto é un símbolo de Catoira e o escenario central da Romaría Viquinga, celebración que recrea o desembarco normando e Festa de Interese Turístico Internacional desde 2002. Estímase que cada ano reúne a máis de 50.000 persoas.
Desde Turismo de Galicia impúlsase a celebración das festas populares en prol da dinamización da oferta e do posicionamento de Galicia como destino auténtico e diferencial. De feito, desde o ano 2013 Turismo de Galicia ten investido máis de 500.000€ na promoción da Romaría Viquinga.

