Leuse tamén un manifesto e celebráronse uns obradoiros no CEIP da Lama
Un minuto de silencio na lembranza das vítimas mortais da violencia de xénero serviu na Lama para conmemorar o 25 N e dar comezo ao Pleno da Corporación Municipal. Momentos antes leuse un manifesto reivindicativo a cargo da concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, en presenza do alcalde, David Carrera, a director do Centro de Información ás Mulleres (CIM), a avogada Adriana Fontaíña, a psicóloga Galiza Aguete, a xuiza de Paz, Mercedes Fernández e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya.
O Concello da Lama conmemorou o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, con varios actos entre os que destaca a celebración de varios obradoiros no CEIP da Lama organizados polo Centro de Información á Muller (CIM) ao abeiro das axudas a concellos menores de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra.
Tamén terá lugar o xoves 28 de novembro ás 11 horas na Biblioteca do Colexio da Lama un Contacontos sobre igualdade protagonizado pola monologuista Manuela Varela titulado “Peques e heroas” que visibilizará tamén a eliminación de roles sexistas.
“MALETA VIAXEIRA”
Ademais, na Biblioteca Municipal da Lama segue a disposición do público, tanto adulto como infantil, toda unha colección de libros incluídos na “Maleta Viaxeira” que foi entregada pola Subdelegación do Goberno e permancerá na sala de lectura ata comezos do ano 2025.