- O obradoiro dual de emprego Manuel B. Portela X está a converter a antiga Casa do Concello na nova biblioteca e sala de estudos
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero e o concelleiro Isidro Lomba, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director territorial de Emprego, Comercio e Emigración, José Antonio Rodríguez Fachado, visitaron o obradoiro dual de emprego Manuel B. Portela X.
Durante a visita, os docentes do obradoiro e o seu director, Adolfo Martínez, explicaron ao grupo como os alumnos e alumnas aplicaron as técnicas que aprenderon no obradoiro e o grande mérito que ten facer un proxecto de tales características.
O antigo edificio do Concello da Guarda está a sufrir unha profunda remodelación desde hai seis meses para albergar a nova biblioteca pública municipal e unha moderna sala de estudo. “Con estas novas instalacións, queremos dar resposta a unha demanda habitual, sobre todo, da xuventude, de moitos guardeses e guardesas que buscan un espazo de concentración e estudo”, explicou o alcalde da Guarda, Roberto Carrero.
Estas instalacións serán máis eficientes enerxeticamente e contarán con todo o necesario para ofrecer o mellor servizo e comodidade aos usuarios e usuarias. Segundo Isidro Lomba, concelleiro de Vías e Obras, “esta é unha obra de gran importancia para A Guarda, porque é unha renovación total do edificio”.
Tras ver os resultados que están obtendo co obradoiro, a visita trasladouse ao edificio onde se lles imparten as clases teóricas, na Avenida de Diego Antonio González. Alí, o delegado da Xunta felicitou ao alumnado polo traballo ben feito que están a realizar como verdadeiros profesionais.
De feito, o alumnado recibiu durante a semana pasada unha masterclass da empresa Pladur, por parte do monitor e traballador Fernando Zapata. Zapata felicitou aos alumnos e alumnas pola súa instalación tan correcta e profesional.
Este obradoiro é unha dobre oportunidade, tanto de formación como de emprego, xa que durante 12 meses, os alumnos participan nun proxecto, mentres contan con docentes que lles imparten unha parte teórica máis tamén os guían durante o traballo.
Un total de 20 persoas desempregadas participan no obradoiro de emprego encargado da obra e todos os participantes obterán un certificado de albanelaría ao remate para axudar na súa procura de emprego.