Un obradoiro sobre coidado emocional pechará o Ciclo de Saúde Feminina en maio

adminON
Lectura mínima de 1

O obradoiro titulado “Coidado emocional, desenvolvemento e empoderamento creativo”, previsto para o 13 de abril, adíase ata o 4 de maio por causas alleas á organización. Esta actividade, incluída no Ciclo de Saúde Feminina organizado pola concellería de Igualdade, será impartida pola xestora de recursos humanos Reina D’Hoore. O obxectivo deste obradoiro é “reforzar a confianza e autonomía das mulleres”, explica a concelleira Iria Vilaboa. A terapeuta abordará coas participantes a xestión emocional centrando a atención nas emocións e os pensamentos, e explorarán o autocoñecemento, analizando as fortalezas e necesidades individuais de cada unha. Falarase da saúde emocional desde unha perspectiva de xénero “e como os roles e estereotipos inflúen no malestar emocional”. Por último a terapeuta afondará na importancia do “autocoidado e da autoestima”, promovendo estratexias prácticas de valoración persoal e fomentando o apoio mutuo entre as participantes.

O obradoiro, que é de balde, está dirixido a mulleres maiores de 18 anos. Impartirase o sábado 4 de maio de 10.00 a 14.00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Para participar é necesario inscribirse previamente no teléfono 986 40 28 65 ou no enderezo electrónico multiusosredondela@gmail.com.

Comparte este artigo