– O Concello vese na obriga de atrasar o inicio do servizo de salvamento nas praias da Punta e Arealonga ata que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de ( TACGal) resolva a impugnación.
– A alcaldesa, Digna Rivas, garante a máxima axilidade para activar o servizo en canto se reciba a resolución do tribunal. O dispositivo de limpeza dos areais comezou hoxe con total normalidade e manterase activo de xeito ininterrompido ata o vindeiro 15 de setembro en seis praias do municipio.
O Concello de Redondela informa de que o inicio do servizo de socorrismo nas praias da Punta e Arealonga sufrirá un atraso temporal. Esta medida vén motivada pola interposición dun recurso administrativo contra o proceso de licitación do contrato, o que obriga á suspensión do procedemento ata que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) dite unha resolución en firme. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que o Goberno local está supeditado aos tempos legais deste órgano independente, pero amosou o seu firme compromiso coa seguridade dos areais. “En canto chegue a resolución do tribunal, o Concello axilizará ao máximo todo o proceso administrativo para que o servizo de socorrismo poida comezar o máis rápido posible”, asegurou a rexedora.
O servizo e de limpeza de praias está xa operativo en seis areais do municipio.
O servizo de limpeza de praias arrincou hoxe coa total normalidade e o operativo manterase activo de xeito ininterrompido ata o vindeiro 15 de setembro. A limpeza execútase seguindo estritos criterios de protección do ecosistema litoral. As praias de A Punta, Arealonga e Os Penedos disporán dun servizo de mantemento diario. As tarefas non se limitan en exclusiva á area, senón que abranguen os paseos marítimos de Cesantes, Arealonga e Cardona, así como os accesos, zonas verdes, aparcadoiros e áreas de xogos infantís. Tamén se fará reforzo noutros areais, os de Soutoxuste e Rande contarán con limpeza tres días á semana, mentres que a praia de Cabanas (Trasmañó) limparase dúas xornadas por semana. Os traballos realízanse sen afectar ao equilibrio biolóxico do entorno. A recollida de algas, argazos e restos vexetais faise exclusivamente de xeito manual e conforme á normativa vixente, xa que forman parte natural do ecosistema mariño e protexen as praias da erosión. O servizo realízase en colaboración cun centro especial de emprego de iniciativa social, un modelo que o executivo local mantén pola súa alta eficiencia e valor integrador.

