O auditorio do Xunqueira acolleu esta mañá a celebración dun pleno infantil no que participaron alumnos e alumnas de centros de primaria e secundaria do municipio xunto coa alcaldesa Digna Rivas, a concelleira de Infancia, Iria Vilaboa, e a representante de Unicef, Gloria del Río.
Acompañados dous seus mestres e mestras, no pleno participou rapazada de Primaria dos colexios CEIP Alexandre Bóveda (Uxía e Enzo), Quintela (Lola e Mariña), Reboreda (Xana e Roi), CEP Santa Mariña (Valentina, Valeria, Luis, Lucía, Carlota e Iria) e Colexio Vigo (Sarai e César). O alumnado da ESO estivo representado polos institutos Illa de San Simón (Naiara e Almudena) e Pedro Floriani (Noa e Celia). A sesión plenaria deste Consello Municipal de Infancia e Adolescencia coincide coa celebración, o pasado 20 de novembro, do Día Internacional da Infancia. Este órgano participativo e de carácter consultivo serve de representación do conxunto da Infancia e a Adolescencia dentro do municipio, e promove a colaboración dos máis novos cos adultos na elaboración das políticas municipais, tendo en conta o punto de vista da rapazada. No pleno participaron tamén Uxío e Pau, representantes do grupo Axentes do Cambio, o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello.
A alcaldesa, que presidiu o pleno, salientou a importancia desta sesión “xa que os propios rapaces e rapazas, de primeira man, poden expoñer as súas necesidades, reivindicacións e inquedanzas”.
“O dereito ao xogo” era o lema deste ano, e a mocidade expresou as súas demandas e inquedanzas neste sentido. Falaron da necesidade de crear máis espazos de xogo “non excluíntes”, con zonas adaptadas para nenos e nenas con diversidade funcional. Cubrir algún dos parques infantís foi outra das demandas nas que coincidiu a a rapazada, para poder aproveitalos tamén nos días de chuvia.
En canto á mocidade e adolescencia, as súas peticións enfocáronse na necesidade de crear espazos públicos de lecer para a xuventude, “sen ter que xuntarse nos bares” e máis pistas deportivas.
A alcaldesa, Digna Rivas, comprometeuse a estudar as peticións que son competencia do Concello e darlle resposta, e anunciou que está xa en marcha o proxecto dun novo parque con xogos adaptados. Tamén aclarou que se invisten moitos cartos públicos cada ano en melloras de parques infantís e outros espazos públicos “que por culpa do vandalismo estráganse ao pouco tempo”. É o caso do Espazo Xove creado no Multiúsos da Xunqueira. O Concello viuse na obriga de pechalo polas desfeitas reiteradas que se rexistraron na sala, así como actos de vandalismo graves no Multiúsos. Con todo, Rivas afirmou que volverá poñerse en marcha. Por outra banda solicitou tamén á rapazada que acheguen as súas ideas para a celebración de actividades e obradoiros, tanto en Redondela como nas parroquias, que sexan de interese para mozos e mozas.

