Vilas en Flor destaca a aposta de Tomiño polo paisaxismo e a implicación veciñal no coidado da contorna

Redacción

O xurado realizou a súa visita anual ao municipio, que conta con catro Flores de Honra durante tres anos consecutivos.

O xurado de Vilas en Flor realizou a súa visita anual a Tomiño para coñecer os avances no coidado dos espazos verdes e na xestión ambiental, cunha valoración especialmente positiva do proxecto Cultivando Paisaxes, da campaña Rodéate de Vida e do novo modelo de residuos que o Concello quere implementar.

Nesta edición, o xurado destacou a colaboración con profesionais especializados en paisaxismo para planificar, coidar e diversificar os xardíns municipais no marco de Cultivando Paisaxes. Este traballo permite adaptar as plantacións ás características de cada espazo e incorporar unha maior variedade de especies, ao tempo que dá visibilidade aos viveiros locais e ao seu papel na economía e na identidade de Tomiño.

Os novos xardíns das prazas do Seixo e da Mina son un exemplo desta liña de actuación. Inspirados na tradición viveirista do municipio, incorporan máis de vinte variedades de plantas, con especies escollidas para reducir o consumo de auga e facer destes lugares contornas máis verdes e agradables para o encontro e o descanso.

A campaña municipal Rodéate de Vida tamén espertou un especial interese entre os membros do xurado, que preguntaron pola organización do reparto de plantas á veciñanza e pola súa incidencia nas franxas secundarias. Durante a visita tamén se abordou o novo modelo de xestión de residuos que o Concello quere implantar, outra das propostas que recibiu unha valoración positiva do xurado.

Tomiño conta con catro Flores de Honra durante tres anos consecutivos, un recoñecemento ao labor continuado de mellora dos espazos públicos e conservación da paisaxe. Durante a visita, persoal técnico e concelleiros acompañaron o xurado para amosar os avances realizados, co obxectivo de revalidar ou ampliar o número de Flores de Honra nesta nova edición.

Vilas en Flor é un programa promovido en Galicia pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). A iniciativa recoñece o traballo dos municipios na conservación do patrimonio vexetal e paisaxístico, a sostibilidade e a implicación cidadá no coidado da contorna.

Comparte este artigo