A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés promove hábitos saudables na infancia a través de actividades educativas en centros escolares

Redacción
Lectura mínima de 3
  • Profesionais de Pediatría do centro de saúde de Lérez desenvolven sesións sobre rutinas saudables en alumnado de Educación Infantil
  • A iniciativa céntrase na hixiene diaria, a alimentación equilibrada e a adquisición de autonomía nos máis pequenos

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa a reforzar as súas accións de promoción da saúde coa realización de actividades educativas en centros escolares, dirixidas a fomentar hábitos de vida saudables desde as primeiras etapas da vida.

Neste contexto, profesionais do servizo de Pediatría do centro de saúde de Lérez están a desenvolver sesións formativas no CEIPP San Benito de Lérez, dirixidas ao alumnado de Educación Infantil. A iniciativa aborda, dun xeito lúdico e participativo, aspectos clave como as rutinas de hixiene diaria, a alimentación equilibrada e a organización de hábitos saudables.

Durante as sesións, explícanse cuestións básicas como o lavado de mans, o cepillado dental ou a importancia do descanso e da hidratación, así como a necesidade de manter unha alimentación variada que inclúa o consumo diario de froita. Ademais, entrégase ao alumnado material didáctico en formato de lista de tarefas, co obxectivo de facilitar a adquisición de autonomía e favorecer a interiorización destas rutinas no día a día.

Segundo explica a pediatra Helena Suárez, “o obxectivo é que os nenos e nenas incorporen hábitos saudables desde idades temperás, aprendendo a organizar a súa rutina diaria dun xeito sinxelo e adaptado á súa realidade”. Neste sentido, subliña que “traballar estes contidos no ámbito escolar permite reforzar a educación en saúde e contribuír ao desenvolvemento integral da infancia”.

A actividade conta tamén coa participación da enfermeira Sara Oceiro e do médico interno residente Christian Piñeiro, que colaboran no desenvolvemento das sesións e na dinamización das actividades co alumnado.

Esta iniciativa enmárcase nas liñas estratéxicas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés en materia de promoción da saúde e prevención da enfermidade, apostando pola educación sanitaria como ferramenta clave para mellorar a calidade de vida da poboación desde idades temperás.

Comparte este artigo