- O exercicio, organizado por Adif, permitiu poñer a proba a coordinación dos diferentes servizos de emerxencias
- A chamada ao 112 Galicia activou os recursos de intervención
- O Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega participou na resposta á emerxencia desde o posto de mando avanzado
O Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) participou esta madrugada nun simulacro de emerxencia ferroviaria no túnel das Maceiras, no concello de Redondela, organizado por Adif. O exercicio recreou o incendio dun tren no interior do túnel, a aproximadamente 500 metros da boca norte, e permitiu comprobar os protocolos de actuación e a coordinación dos diferentes servizos que intervirían ante unha situación real.
O simulacro desenvolveuse entre as 00,30 e as 00,45 horas, o Centro de Protección e Seguridade (CPS) do Centro de Regulación e Control de Adif en León realizou unha chamada ao 112 Galicia para comunicar o inicio do exercicio e facilitar a localización da emerxencia.
A partir desta comunicación, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia activou os diferentes medios necesarios para atender o suposto, entre eles os Bombeiros de Vigo, o Consorcio de Bombeiros de Pontevedra, o GES de Mos, a Policía Local de Redondela, a Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico, así como as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Redondela e Mos e os servizos sanitarios do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Intervención do GALI
Dentro do dispositivo de resposta, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega participou no exercicio para poñer a proba as súas capacidades de intervención e apoio nunha emerxencia de especial complexidade, como é un incidente ferroviario no interior dun túnel
A xestión da emerxencia realizouse desde o Posto de Mando Avanzado (PMA), situado no contorno da boca norte do túnel, desde onde se coordinaron as actuacións dos diferentes servizos mobilizados. O GALI formou parte deste dispositivo de intervención e apoio, en coordinación cos demais medios desprazados ao lugar.
O exercicio permitiu avaliar os procedementos de coordinación entre os distintos organismos e comprobar a capacidade de resposta ante unha situación que requiría a evacuación e atención dos pasaxeiros dun tren no interior do túnel.
Segundo o escenario previsto, o tren quedou detido no interior da infraestrutura tras producirse un problema nun dos seus bogies que provocou un incendio no coche de cola e unha elevada presenza de fume. O suposto contemplou dez persoas feridas, tres delas graves, dúas moderadas e cinco leves, ademais dunha persoa con mobilidade reducida.
Entre os obxectivos do simulacro estiveron comprobar os protocolos de coordinación dos diferentes intervenientes, así como a viabilidade e os tempos de evacuación do tren e a correcta aplicación dos plans de actuación, evacuación e rescate previstos para este tipo de emerxencias.
Coordinación desde o 112 Galicia
A activación dos recursos por parte do 112 Galicia permitiu comprobar o funcionamento da cadea de resposta ante unha emerxencia comunicada desde unha infraestrutura ferroviaria e a coordinación entre o CIAE 112 Galicia e os medios de intervención mobilizados.
O exercicio non supuxo a activación de ningún plan de emerxencia. Unha vez finalizado o simulacro, realizouse unha nova comunicación ao 112 Galicia para informar do remate do exercicio. Tras o exercicio realizouse unha primeira reunión de valoración para analizar o desenvolvemento das actuacións e extraer as primeiras conclusións.
A participación da Axega neste tipo de exercicios contribúe a reforzar a preparación dos servizos de emerxencias e a mellorar os mecanismos de coordinación e resposta ante situacións de risco que poidan producirse en infraestruturas ferroviarias.

