Ángeles Vázquez pon en valor o Salón de animais de compañía de Galicia como espazo para divulgar boas prácticas e fomentar a adopción responsable

Redacción

Ángeles Vázquez salienta a importancia de eventos destas características que actúan como punto de encontro para profesionais, entidades, administracións e persoas interesadas no coidado e benestar dos animais de compañía

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o Salón de animais de compañía de Galicia como espazo de encontro para divulgar boas prácticas, fomentar a adopción responsable e concienciar sobre a prevención do abandono.

Durante a visita que realizou a este salón, que chega este ano á súa cuarta edición, a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, insistiu na importancia de eventos destas características que actúan como punto de encontro para profesionais, entidades, administracións e persoas interesadas no coidado e benestar dos animais de compañía.

Nesa liña, Ángeles Vázquez avogou pola colaboración entre administracións públicas, entidades protectoras e cidadanía para previr o abandono e promover a adopción responsable destes animais. Así mesmo, incidiu na necesidade de traballar conxuntamente para fomentar a identificación como un dos actos clave do coidado e da protección animal.

A conselleira lembrou que na actualidade no Rexistro galego de identificación de animais de compañía hai inscritos máis de 850.000 exemplares, dos que máis do 87% son cans e o 12% son gatos. No caso da cidade de Pontevedra, onde se celebra este ano o Salón de animais de compañía de Galicia, hai rexistrados 21.778 exemplares, sendo un 83% cans e preto dun 16% gatos.

O Salón de animais de compañía de Galicia, que se celebra en Pontevedra entre os días 9 e 11 de outubro, inclúe expositores e actividades relacionadas con estes animais, así como espazos dedicados á adopción e a sensibilización sobre o coidado responsable. Tamén haberá competicións de agility, que puntuarán para o Campionato de España, o concurso Dog Talent, e iniciativas de promoción do turismo pet friendly, co obxectivo de orientar ás persoas que viaxan con animais sobre destinos e establecementos que os admiten.

Comparte este artigo