A conselleira de Política Social e Igualdade pon en valor a adhesión dos 24 concellos seleccionados para esta iniciativa
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta tarde coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, para avaliar aspectos técnicos no marco do proxecto de creación de novas residencias da Xunta.
Fabiola García puxo en valor a adhesión dos 24 concellos seleccionados para este proxecto, entre eles o de Marín, e lembrou que a partir deste momento contan cun ano de prazo para facer efectiva a cesión dunha parcela á Xunta. Neste concello en concreto proxectarase a construción dun recurso de máis de 100 prazas e que forma parte do mesmo lote que o centro de Moraña, con 30.
Pola súa banda, María Ramallo manifestou que para o Concello, a parcela máis idónea para poder erixir esta infraestrutura pública, que considera esencial para a vila, está localizada na entrada do núcleo urbano de Seixo, á altura de San Brais, xa que, indicou, reúne unhas moi boas condicións a nivel de asistencia e de espazo, cunha moi boa comunicación non só co centro da parroquia e de Marín, senón tamén con outros concellos da contorna como o Morrazo, Pontevedra ou Vigo.
A alcaldesa trasladoulle á conselleira que aínda así será unha licitación pública a que dirima cal será finalmente a parcela que se poida adquirir por parte do Concello para poder poñela despois a disposición da Xunta de Galicia.

