- Ángeles Vázquez lembra que en caso de localizar un animal ferido, non debe manipularse e cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a súa recollida e traslado
- Incide na importancia de concienciar aos máis novos da importancia de protexer a biodiversidade e os hábitats, así como de darlles a coñecer o traballo que existe detrás da recuperación dun animal
- Pon en valor o traballo que realizan os centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta, que atenderon no que vai de ano 4.587 animais, dos que 3.799 foron aves
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinalou hoxe que Galicia é un corredor clave nas rutas migratorias das aves en Europa e apelou á colaboración cidadá para garantir a súa conservación e protección, xa que son fundamentais para a preservación da biodiversidade e dos hábitats.
Con motivo do Día mundial das aves migratorias, que se celebra mañá, sábado, 10 de outubro, baixo o lema Cada ave conta: as túas observacións importan!, Ángeles Vázquez asistiu en Maceda, xunto con alumnado do IES San Mamede, á solta de varios exemplares que foron atendidos no Centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta localizado en Oleiros. En concreto, devolvéronse ao medio natural un gabián, un azor e dous miñatos.
Galicia forma parte da ruta migratoria do Atlántico Oriental, un dos grandes corredores utilizados por estas aves para desprazarse entre as zonas de reprodución e as áreas de invernada. Segundo explicou a conselleira, “protexer estes corredores é esencial para que as aves poidan descansar, alimentarse e completar as súas migracións”.
Así mesmo, a conselleira incidiu en que a conservación das aves migratorias e dos seus hábitats é unha responsabilidade compartida. No caso da cidadanía, lembrou as pautas de acción que deben seguirse en caso de localizar un animal ferido. Segundo explicou, non debe manipularse e cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a súa recollida e traslado.
Nese senso, Ángeles Vázquez considerou fundamental a participación dos máis novos en actividades como a solta realizada hoxe para conciencialos da importancia de protexer a biodiversidade, así como de darlles a coñecer o traballo que existe detrás da recuperación dun animal.
De feito, a conselleira puxo en valor o traballo que desenvolven os catro centros de recuperación de fauna salvaxe cos que conta a Xunta -un en cada provincia: Oleiros, (A Coruña), O Veral (Lugo), O Rodicio (Ourense) e Carballedo (Pontevedra)-. No que vai de ano nos catro centros autonómicos atendéronse 4.587 exemplares, dos que 3.799 foron aves, como as que se reincorporaron hoxe ao medio natural.
Os animais poden chegar feridos, enfermos, debilitados ou desorientados e nos centros reciben atención veterinaria e procesos de rehabilitación adaptados á necesidade de cada especie. Nalgúns casos, algunhas aves poden permanecer meses nos centros para completar a súa recuperación e volver ter capacidade de voo.

