A Conferencia Episcopal Polaca interésase pola xestión da acollida Xacobea en Galicia

adminON

Xosé Merelles acompañou ao bispo auxiliar de Gdansk (Polonia), Piortr Przyborek, na súa visita ao Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela

O Camiño de Santiago e a tradición xacobea seguen a estreitar a relación entre as persoas e os pobos. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles que acompañou ao bispo auxiliar de  Gdansk (Polonia) e responsable da Comisión de Peregrinación da Conferencia Episcopal Polaca, Piotr Przyborek, durante a visita que realizou ao Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela.

O bispo auxiliar de Gdansk interesouse sobre todo pola xestión da acollida que se presta en Galicia e concretamente en Santiago de Compostela aos peregrinos, especialmente aos polacos que sumaron en 2024 case 7.500 persoas e supuxeron un incremento do 35% con respecto ao ano anterior.

Neste sentido, Xosé Merelles salientou a importancia do xacobeo entre o público polaco e destacou tamén a participación de representantes en organismos e institucións coma a Federación Europea do Camiño de Santiago, onde o seu vicepresidente é o Piotr Roszak, tamén presente na visita.

“Galicia e Polonia teñen unha estreita relación grazas á cultura e tradición xacobea”, salientou ao tempo que subliñou que se está estudando a instalación dun mojón na rexión polaca de Kujawsko-Pomorskie, concretamente na cidade de Torun, que “será o primeiro no país polaco”, afirmou.

Durante o percorrido polas instalacións, o director de Turismo de Galicia salientou que a internacionalización do Camiño está a ser unha constante nos últimos tempos, tal e como constata o feito de que en 2024, o 58% dos peregrinos fosen de orixe internacional.

Comparte este artigo