HomeXunta de GaliciaA Unidade de Policía Nacional adxcrita a Galicia colaborará na protección do...

A Unidade de Policía Nacional adxcrita a Galicia colaborará na protección do persoal de Gardacostas encargado do control do furtivismo

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinan o acordo, dotado con 60.000 euros
  • O Goberno galego destaca a colaboración entre ambos organismos na loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinaron hoxe o acordo de colaboración para reforzar o persoal de Gardacostas na loita contra o furtivismo, que conta cunha dotación de 60.000 euros. Deste xeito, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes porá a disposición da Consellería do Mar os efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) necesarios para levar a cabo as tarefas de protección dos axentes do servizo de Gardacostas encargados do control e a vixilancia nos bancos marisqueiros, nas estradas ou nas lonxas e de planificar e coordinar os operativos. O convenio tamén inclúe a colaboración na adquisición de equipamento e medios técnicos.

A Xunta pon en valor o traballo do  Grupo Operativo de Actividades  Subacuáticas (GOAS) da UPA, formado por cinco policías e un inspector para loitar contra o furtivismo e a protección dos recursos mariños. Este grupo está a rexistrar unha elevada demanda de peticións de unidades especializadas da Policía Nacional para participar en operativos a desenvolver en ambientes acuáticos.  Así, colaborou con outras institucións e corpos de seguridade en inspeccións, investigacións e buscas de persoas desaparecidas en medios acuáticos. Por exemplo, ao igual que o helicóptero de rescate Pesca I de Gardacostas,  formou parte do continxente galego desprazado á Comunidade Valenciana pola DINA.

O traballo conxunto da UPA e o servizo de Gardacostas céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, na actividade extractiva, venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. Os operativos céntranse na investigación de delitos contra a fauna e a flora, contra a saúde pública, falsidade  documental, tráfico de xénero corrompido e organización ou grupo criminal. Tamén se inclúen neste eido as actividades policiais relacionadas coa pesca marítima como o control documental de pescadores a pé ou a flote, con botellas ou a pulmón, así como artes ilegais e talle, cantidade, peso e número das capturas, entre outras actuacións.

Galicia é a única comunidade que conta cun servizo de Gardacostas propio e que xoga un papel fundamental na vixilancia e loita contra o furtivismo e que contribúe a velar polo cumprimento de vedas e paradas biolóxicas, períodos polos que está prohibido a captura e comercialización das especies afectadas, co obxectivo de garantir unha explotación sostible dos recursos mariños. Así, no 2024 foron realizadas 10.700 inspeccións que deron como resultado 2.644 actas de infracción nas que se rexistraron a incautación de máis de 28.000 aparellos de pesca, e o comiso de 28.300 quilos de peixe e marisco.

Publicacións Relacionadas