- Ángeles Vázquez salienta que se trata dunha iniciativa para formar, sensibilizar e implicar á comunidade escolar galega en materia de economía circular durante o curso 2026-2027
- Entre as accións que se inclúen haberá obradoiros de formación presenciais, apoio pedagóxico ao profesorado, propostas de actividades e a creación dun foro dixital e dun espazo web propio do programa con material e información de utilidade
- Os colexios participantes serán recoñecidos ademais co distintivo Escola EcoCircular polas súas boas prácticas e poderán participar no concurso escolar Misión Circular
A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que os centros educativos poidan incorporarase ao novo programa de concienciación Escola Circular, aberto á participación de ata 250 colexios de Primaria e dirixido ao alumnado de entre 7 e 12 anos para incidir na formación temperá dos participantes en materia de sostibilidade e xestión dos refugallos e que ten como obxectivo chegar.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Manuel Laxeiro de Vigo para participar na presentación deste programa que se levará a cabo durante o curso 2026-2027. Así, salientou que se trata dunha iniciativa para formar, sensiblizar e implicar de forma activa á comunidade escolar na transición cara a unha economía circular e na mellora da xestión dos residuos, promovendo entre o alumnado hábitos responsables e, por extensión, entre o profesorado e as súas familias.
Neste senso, animou a participar a toda a comunidade escolar galega nesta primeira edición que está aberta a inscrición dende hoxe e ata o vindeiro 31 de outubro, e que ten como obxectivo simplificar a concepción que a sociedade ten da economía circular, que consiste en algo tan sinxelo como aproveitar mellor os recursos, reutilizar o que aínda serve ou reparar antes de substituír.
Entre as accións e actuacións incluídas neste programa de educación ambiental, organizaranse obradoiros formativos de carácter práctico e dinámico e crearase o distintivo Escola EcoCircular para recoñecer as boas prácticas e o compromiso coa circularidade dos participantes. Con tal fin, promoveranse dinámicas participativas e traballarase con recursos que reforcen os seus coñecementos sobre circularidade, redución e reutilización, para integrar estas mensaxes nas aulas.
Ademais, o profesorado recibirá apoio pedagóxico e terá á súa disposición material específico e variado para traballar co seu alumnado. Fomentaranse, sobre todo, os recursos dixitais relacionados co programa, que disporá dun espazo web propio desde onde os centros poderán inscribirse, obter información sobre a iniciativa e descargar instrumentos didácticos; e habilitarase un foro en liña de economía circular como espazo colaborativo para o intercambio de propostas metodolóxicas.
Así mesmo, a representante autonómica destacou que para dinamizar o programa e lograr unha maior implicación, porase en marcha o concurso Misión Circular, que premiará con 5.000, 2.500 e 1.500 euros as ideas máis innovadoras e creativas propostas polos colexios participantes para aplicar os principios da economía circular no seu día a día a través de medidas relacionadas, por exemplo, co fomento da reciclaxe ou coa xestión dos residuos.
Deste xeito, Ángeles Vázquez lembrou que con esta iniciativa dase un paso máis para formar a unha nova xeración capaz de consumir de forma máis responsable, aproveitar mellor os recursos e entender que os pequenos xestos de hoxe son os que marcarán a diferenza no futuro.

