Román Rodríguez subliña que o novo marco para a mellora educativa contempla a posta en marcha dunha escola galega para a función directiva

Redacción
  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP reúnese cos equipos directivos dos centros educativos de Pontevedra para presentarlle esta folla de ruta
  • Subliña que se busca actuar desde unha perspectiva integral, con medidas específicas tanto para o alumnado como para o profesorado e os centros educativos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou hoxe que o novo Marco para o impulso educativo contempla a posta en marcha dunha Escola Galega para a Función Directiva, unha das medidas incluídas na folla de ruta da Xunta de Galicia para avanzar na mellora da calidade do sistema educativo desde unha perspectiva integral, con accións específicas tanto para o alumnado como para o profesorado e os centros.

Román Rodríguez reuniuse esta mañá cos equipos directivos dos centros educativos da provincia de Pontevedra para presentarlles esta iniciativa, acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila; e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álarez. O Marco desenvolverase a través de cinco liñas estratéxicas de actuación centradas no reforzo das competencias básicas, a mellora continua, a igualdade de oportunidades, os novos retos tecnolóxicos e de dixitalización e a figura do profesorado.

Precisamente, neste último contémplanse novas medidas como o reforzo da función directiva, a través desta nova Escola, ou coa mentorización e formación especializada para as persoas que acceden por primeira vez a esta función. Así mesmo, tamén se reforzará o acompañamento ao profesorado en prácticas e aos docentes noveles por parte de profesorado experimentado. Estes últimos disporán dun itinerario específico de apoio durante os primeiros anos de exercicio.

Impulso á figura e autoridade docente

Román Rodríguez fixo especial fincapé na figura do profesorado como “un actor fundamental neste camiño de mellora” e, por iso, o Marco contempla unha serie de medidas para “fortalecer a función docente”. Neste senso, avanzou que está a piques de entrar en funcionamento a Oficina de apoio ao profesorado, un servizo de nova creación que centrará a atención integral aos profesionais docentes, con acompañamento, asesoramento, orientación, apoio e asistencia xurídica, cando sexa necesario.

Outro dos aspectos nos que se vai incidir é no reforzo da carreira profesional docente “dentro da capacidade de actuación que temos desde a Xunta de Galicia”, matizou o conselleiro, que insistiu en reclamarlle ao Goberno central “unha actualización ambiciosa da carreira docente, tanto na formación como no acceso á profesión”.

Reforzo das competencias básicas

No que atinxe ao reforzo das competencias básicas, o conselleiro destacou que nestes momentos xa están constituídos os grupos de traballo de Avanza Matemáticas e Avanza Lectura para a etapa de Primaria. “Trátase de dous programas clave para reforzar os coñecementos e competencias dos alumnos nestas materias do currículo que se porán en marcha xa no presente curso escolar naqueles centros que máis o precisen”, sinalou.

Paralelamente, estase traballando, tamén en colaboración con varios axentes da comunidade educativa, na actualización dos currículos de Primaria, dentro da marxe que teñen as comunidades autónomas, de xeito que a competencia lectora teña un carácter transversal en todas as materias e non exclusivamente nas lingüísticas. Tamén se establecerán unhas orientacións curriculares para delimitar as aprendizaxes mínimas que debe adquirir un alumno nas áreas de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas. Ademais, en Secundaria, o vindeiro curso establecerase unha nova materia obrigatoria de Lectura e Comprensión en 1º e 2º de ESO.

Neste Marco inxírese, así mesmo, o novo Programa de reforzo educativo extraescolar para 6º curso de Educación Primaria, que se desenvolverá xa neste curso e está dirixido aos alumnos que presenten máis dificultades en lectura e matemáticas, co obxectivo de favorecer a súa progresión académica e facilitar a transición de etapa.

Fortalecer o clima de respecto

Por outra parte, Román Rodríguez referiuse á importancia dunha boa convivencia nos centros, que contribúe tamén ao éxito educativo. Neste senso, aínda que Galicia parte dun bo clima nas aulas, segundo o avalan as enquisas realizadas, cómpre seguir traballando para “previr, intervir e protexer tanto ao alumnado como ao profesorado ante condutas contrarias á convivencia”, abondou.

De aí as novas medidas da Xunta para fortalecer este clima de respecto, convivencia e responsabilidade nas aulas, que abranguen a intensificación de sancións para o alumnado que cometa faltas de carácter moi grave, como acoso e ciberacoso. Ademais, tipifícanse por primeira vez en España as agresións aos docentes, coas correspondentes sancións administrativas a maiores no ámbito xudicial.

No que atinxe á prevención, expúxose ante os directores o novo Plan de coeducación, cuxa finalidade é educar no respecto á dignidade e á liberdade de cada persoa, fomentar relacións baseadas no bo trato e na responsabilidade e previr comportamentos de dominio, control, discriminación ou violencia.

Comparte este artigo