- A intervención enmárcase no Plan Hurbe e suporá a mellora do firme e as beirarrúas existentes, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas para acadar unha contorna máis segura, accesible e homoxénea
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acaba de adxudicar á firma Construcciones Fechi as obras para a mellora do estacionamento público na contorna da Ponte da Barca, por un importe de 186.561€.
Estes traballos desenvolveranse ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, co que a Administración autonómica colabora cos concellos no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
O ámbito onde se desenvolverán estas obras está situado na parroquia de San Salvador, nunha zona de elevada actividade comercial e de servizos, con presenza de tráfico rodado e peonil continuo. A contorna forma parte da estrutura viaria principal e conecta coa PO-308, constituíndo un espazo de gran relevancia para a mobilidade local.
Coa actuación proxectada, melloraranse os viarios de acceso ao centro comercial e acondicionar o aparcamento público. Así, rehabilitarase o firme, acondicionaranse as beirarrúas e eliminaranse as barreiras arquitectónicas, contribuíndo así a facilitar a mobilidade nun espazo tan frecuentado. O obxectivo é acadar unha zona máis segura, accesible e visualmente homoxénea, garantindo a continuidade dos itinerarios peonís e de vehículos.
De acordo ao convenio asinado entre Xunta e Concello para colaborar nesta intervención a través do Plan Hurbe, a Administración autonómica asumirá o 70% do investimento da actuación, mentres que o Concello de Poio aportará o 30% restante.

