- A cita celebrarase os días 26 e 27 de setembro na Área Recreativa do Paseo do Carboeiro, cunha programación gratuíta que combina rock, garage, punk, power pop, surf rock, psicodelia e cumbia
- Mujeres, Familia Caamagno, Eel Men, Rager, Pladür e Orquestra Neverloura actuarán o sábado 26, mentres que Rolando Bruno, Los Tiki Phantoms e Pidechas o Corpo completarán o programa o domingo 27
- Impulsado polos Concertos do Xacobeo, o evento mantén un formato familiar integrado no espazo natural, con gastronomía e propostas para gozar da música ao aire libre
O Psicotroita prepara a súa undécima edición como unha das citas máis singulares da música alternativa en Galicia. Os días 26 e 27 de setembro, a Área Recreativa do Paseo do Carboeiro, en Sigüeiro (Oroso), converterase novamente nun punto de encontro para os amantes das guitarras, o garage, o punk, o power pop, o surf rock, a psicodelia e outras expresións da música popular contemporánea. O festival, de carácter gratuíto, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou “a capacidade do Psicotroita para construír, desde Sigüeiro, unha proposta cunha personalidade musical moi definida e perfectamente recoñecible”.
Neste sentido, puxo en valor que, despois de máis dunha década, o festival “mantén intacta a súa identidade e segue apostando por unha programación que non busca seguir tendencias, senón crear unha experiencia propia arredor da música, da festa e do encontro entre o público e os artistas.
Para Gómez Román, esta singularidade “é precisamente unha das grandes riquezas do mapa musical galego”, xa que “a diversidade tamén se constrúe apoiando propostas que teñen unha maneira diferente de entender a música e que conseguen crear comunidade arredor dunha programación moi concreta”.
Unha viaxe polas guitarras e os sons alternativos
Co apoio da Xunta de Galicia, o Psicotroita volverá reunir en Sigüeiro artistas procedentes de Galicia, do resto do Estado e do ámbito internacional nun cartel que percorre diferentes linguaxes da música de guitarras e da cultura underground.
A xornada do sábado 26 contará con Mujeres, unha das formacións máis recoñecidas do rock de guitarras da península, xunto con Familia Caamagno, que presentará o seu novo traballo, Disco Comarcal, acompañada pola Orquestra do Quince. A programación inclúe tamén a banda británica Eel Men, unha das propostas actuais do punk garage londiniense, ademais de Rager, Pladür e Orquestra Neverloura.
O domingo 27 será a quenda do músico arxentino Rolando Bruno, referente da chamada cumbia trash, dos cataláns Los Tiki Phantoms e do seu particular universo de surf rock instrumental e de Pidechas o Corpo, que se encargará da sesión de peche. O cartel reúne así propostas de diferentes procedencias e xeracións, mantendo unha das principais características do Psicotroita: unha selección artística afastada das fórmulas máis previsibles e baseada na personalidade dos proxectos.
“O Psicotroita demostra que tamén desde Galicia se pode construír unha programación con capacidade para dialogar coa escena alternativa internacional”, sinalou Gómez Román. “Ter en Sigüeiro bandas galegas xunto a artistas chegados de Londres, Barcelona ou Arxentina fala da apertura e da dimensión que pode alcanzar un proxecto nacido e arraigado no territorio”.
Un dos elementos diferenciais do festival é a súa celebración nun espazo verde como a Área Recreativa do Paseo do Carboeiro. O formato ao aire libre, próximo e familiar permite que a música se integre coa contorna e ofrece unha experiencia afastada dos grandes recintos. O festival contará tamén con postos de comida populares, con opcións para diferentes gustos e necesidades alimentarias, así como con zonas para sentar, xantar e compartir a xornada sen perder de vista o escenario.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 190 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

