— Nicolás Vázquez Iglesias sinala que Galicia debe aproveitar as oportunidades que ofrece a economía ambiental para innovar, crear riqueza e xerar emprego
— Avoga polo diálogo entre as administracións públicas e o tecido produtivo poñendo á cidadanía no centro para avanzar no camiño cara a un modelo máis sostible
— Pon o litoral como exemplo da compatibilidade entre a protección do patrimonio natural e a xeración de oportunidades, así como da aposta da Xunta pola axilización e a simplificación dos procedementos
A Xunta de Galicia aposta pola simplificación administrativa para garantir o equilibrio entre a conservación ambiental e o desenvolvemento sostible, segundo explicou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, durante a súa intervención na xornada Xoves verde: A Galicia que coida o futuro.
Nesa liña, o conselleiro sinalou que a protección do patrimonio natural ten que ir da man do progreso e do benestar polo que Galicia debe aproveitar as oportunidades que ofrece a economía ambiental para innovar, crear riqueza e xerar emprego. En concreto, indicou que Galicia é un “lugar privilexiado” e debemos facer uso dos recursos de forma sostible.
“A protección ambiental non é unha opción, senón que é absolutamente necesaria”, aseverou o conselleiro, quen engadiu que a sostibilidade ten que formar parte da estratexia das empresas. E nese camiño cara a un modelo de economía máis sostible, debe haber un diálogo entre as administracións públicas e o tecido produtivo poñendo á cidadanía no centro.
De feito, desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático promovéronse xa iniciativas nesa liña, como a Alianza galega polo clima, que reúne a 273 entidades económicas e sociais comprometidas coa redución de emisións e a incorporación de boas prácticas á súa actividade, ou a Oficina de economía circular industrial, que asesora ao tecido empresarial na súa transición cara a modelos de negocio máis sostibles.
Así mesmo, Nicolás Vázquez puxo o litoral como exemplo da compatibilidade entre a conservación do patrimonio natural e a xeración de oportunidades, así como da aposta da Xunta pola axilización e a simplificación dos procedementos. En concreto, desde que Galicia asumiu o traspaso das funcións e servizos sobre a xestión do litoral, “procedementos que antes se tardaban anos en resolver, agora se resolven en poucos meses e iso xera oportunidades”.
Para concluír, o conselleiro incidiu en que a Xunta acompañará ao sector produtivo nese camiño para construír esa Galicia calidade máis competitiva, máis sostible e con máis futuro.

