- – Esta iniciativa, desenvolvida conxuntamente pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o Consistorio pontevedrés, comezou os seus obradoiros no Centro Leste, na Casa Azul e no Centro Sociocultural de Lérez
- – Este programa da continuidade ás accións iniciadas na Área Sanitaria para dotar ás familias de ferramentas prácticas, apoio continuo e pautas de autocoidado na atención a persoas dependentes
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o Concello de Pontevedra puxeron en marcha esta semana na cidade do Lérez unha nova edición do programa formativo e de saúde ConCoidado. A iniciativa comezou a súa actividade cun total de 50 participantes distribuídos no Centro Leste -con 15 asistentes ás dinámicas-, na Casa Azul -con 10 asistentes- e no Centro Sociocultural de Lérez -cun grupo de 25 asistentes-.
Cómpre lembrar que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o Concello de Pontevedra presentaron conxúntamente o pasado mes de outubro na casa consistorial capitalina unha nova edición deste programa formativo deseñado para ofrecer ferramentas prácticas, apoio continuo e orientación especializada ás persoas que teñen ao seu cargo o coidado de familiares ou achegados en situación de dependencia. Aquel acto contou coas intervencións da concelleira municipal de Benestar Social Anabel Gulías Torreiro, así coma dos profesionais da Área Sanitaria que idearon, iniciaron e fixeron posible este programa, as enfermeiras Alba Guerrero Jordán e María Teresa Villanueva Gesteira e do enfermeiro Antonio Sobral Arosa.
Nesta iniciativa tamén colaboran o centro de entrenamento DPROL, o fisioterapeuta Lorenzo Justo, o nutricionista Fernando Blanco así coma outros profesionais asistenciais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Abordaxe integral para a asistencia domiciliaria
A través dunha metodoloxía práctica e participativa, o itinerario formativo de ConCoidado afonda en materias fundamentais para a asistencia no entorno familiar. Entre os contidos previstos, os obradoiros abordan estratexias de autocoidado para o propio coidador, técnicas para a atención específica da pel e o manexo da incontinencia, así coma pautas para a prevención da aparición de úlceras.
Así mesmo, a programación inclúe un bloque adicado á actividade física, mediante exercicios dinámicos de forza, nocións básicas en primeiros auxilios, recomendacións sobre a prevención de caídas, uso axeitado dos dispositivos de apoio, pautas para unha alimentación saudable e medidas de seguridade no fogar.
Coa extensión deste proxecto á capital provincial, a Área Sanitaria e o Concello de Pontevedra reforzan a súa colaboración para ofrecer un recurso formativo e de apoio comunitario esencial para as familias con persoas dependentes ao seu cargo.

