O director de Xustiza, José Tronchoni, participou esta mañá na clausura da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, desenvolvida co apoio do Goberno galego
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na clausura da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, onde apostou polo fortalecemento da Lei do Tribunal do Xurado, tema central do foro este ano con motivo do seu 30 aniversario. Tronchoni salientou a importancia do xurado no “impulso á participación da cidadanía no sistema de xustiza” e avogou por avanzar na súa consolidación, “adaptando a norma á constante evolución e dinamismo dos delitos sometidos a xuízo”.
Ademais, o director xeral insistiu na colaboración entre a Xunta e o Ministerio Fiscal para avanzar “nun servicio público na Administración de Xustiza, eficaz, eficiente, accesible, tecnolóxico e de calidade, intentando manter unha xustiza sostible que teña como centro a cidadanía”. Para o director xeral, é prioritario que a xustiza “resolva os problemas das persoas de maneira real e efectiva”, polo que convidou os representantes a traballar conxuntamente neste obxectivo.
Desde o pasado mércores a Escola de Verán acolleu mesas redondas, talleres prácticos e simulacións procesuais con especial atención ás distintas fases do procedemento ante o xurado. Estas xornadas, con sede permanente no Pazo de Mariñán, forman parte dos plans de formación continua dos membros da carreira fiscal e véñense realizando no marco do convenio entre a Xunta, a Deputación Provincial da Coruña, o Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza e a Fiscalía Xeral do Estado.
O Goberno galego tamén contribúe á formación destes profesionais a través doutro convenio marco aprobado en 2016 entre o Centro de Estudos Xurídicos e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) en materia de formación de fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.