A Xunta aposta por aproveitar os Fondos Europeos para investir en actuacións coas que optimozar a xestión da auga

adminON
Lectura mínima de 5

— O director de Augas de Galicia salienta a relevancia de facer unha planificación ampla que recolla as necesidades máis urxentes e recorra ás últimas tecnoloxías para asegurar a sustentabilidade na xestión dos recursos hídricos

— Roi Fernández destaca que o traballo galego neste eido pivota sobre a protección da auga e dos ecosistemas naturais, pero compatibilizándoa cos usos que permitan o desenvolvemento socioeconómico nun contexto de cambio climático

Galicia traballa no desenvolvemento de actuacións coas que optimizar a xestión da auga mediante a dixitalización e profesionalización dos distintos procesos, unha cuestión na que considera vital aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos europeos neste eido pois permiten contar con financiamento para executar os investimentos de maiores dimensións.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, participou hoxe en Bilbao na mesa redonda Desafíos e solucións na xestión da auga na Conca Norte no marco da xornada Retos na xestión da auga: adaptación climática, circularidade e dixitalización nun contexto desafiante, onde expuxo a relevancia de facer unha planificación ampla que recolla as prioridades e recorra ás últimas tecnoloxías para avanzar nunha xestión sostible das masas de auga.

Neste sentido, incidiu en que os fondos europeos son vitais para afrontar grandes investimentos pois precisamente para acceder a eles se dá prioridade ao esforzo investidor realizado. Nesta liña, o organismo hidráulico autonómico está a centrar os seus investimentos principalmente na contorna das rías galegas por tratarse de zonas cunha importante sensibilidade ambiental e ter unha extraordinaria importancia desde o punto de vista socioeconómico.

O representante do Executivo galego salientou que, precisamente, a planificación hidrolóxica na Comunidade pivota sobre a protección da auga e dos seus ecosistemas naturais, pero compatibilizándoa cos usos que permitan un desenvolvemento sostible nun escenario global de cambio climático. De feito, remarcou a importancia que ten este recurso para distintas actividades económicas como a gandaría, a agricultura, a pesca ou a industria, entre outras, ao tempo que é vital en todos os aspectos da vida cotiá.

Nesta liña, a Administración galega defendeu no encontro a transcendencia de avanzar cara a profesionalización da xestión da auga, baseada nun maior coñecemento e apoiándose en ferramentas como a dixitalización. Precisamente, a Xunta está inmersa na mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración cun esforzo continuo de apoio ás administracións locais e comunidades de usuarios particulares na optimización das súas redes.

Entre os retos de futuro destacados por Roi Fernández está a mellora da xestión dos recursos hídricos para optimizar o seu funcionamento mediante a adopción de medidas coas que reducir deficiencias como as perdas de auga e avanzar na mellora da depuración de augas residuais, tanto construíndo novas instalacións como modernizando as xa existentes. De feito, Galicia afondará nunha estratexia que permitiu que preto do 80% das masas de auga galegas estean en bo estado, fronte á media nacional do 56%.

O evento
A xornada de Bilbao, organizada polo Consorcio de Augas Bilbao-Bizkaia e Aclima, reúne a destacados expertos e líderes do sector para abordar os retos actuais e explorar solucións avanzadas para o manexo da auga. O programa céntrase en temas como a xestión do abastecemento e saneamento, o impacto do cambio climático, a economía circular e a dixitalización do ciclo da auga

Entre os temas principais atópase o tratamento de augas residuais, en liña coa nova directiva comunitaria para reducir a contaminación ambiental e mellorar a gobernanza da auga en concordancia co Pacto Verde Europeo, así como os desafíos relacionados coa xestión da auga nas distintas concas hidrográficas considerando as condicións climáticas, ambientais, sociais e económicas.

Comparte este artigo