A Xunta aproba o Plan de Prescripción de Actividade Física ‘Adestra a túa Saúde’

adminON
Lectura mínima de 5

— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron a resolución que permitirá avanzar no programa e estender a súa implantación a máis dunha vintena de concellos galegos logo das experiencias piloto en Arteixo e Abegondo


— O plan conta cunha asignación de máis de 442.300 euros de fondos europeos


— O Goberno galego pretende mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos mediante a derivación desde os centros de saúde a un promotor de exercicio físico dos concellos que lle recomende servizos dispoñibles no municipio acordes á súa condición física


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, veñen de asinar a proposta de resolución conxunta pola que se aproba Adestra a túa saúde, o plan autonómico de prescrición de actividade física e exercicio orientado á saúde. No acto de sinatura tamén estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
Este plan conta cunha asignación de máis de 442.300 euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que permitirá avanzar na dixitalización do plan e a súa posta en marcha en máis dunha vintena de concellos galegos a través do desenvolvemento dunha plataforma de prescrición desde a que se poida realizar un seguimento das persoas usuarias. Ademais, estes fondos destinaranse á compra de material para a avaliación da condición física, así como á formación de profesionais sanitarios e do deporte.
Cómpre lembrar que a Xunta xa puxo en marcha este plan de maneira experimental en 2022 nos municipios coruñeses de Arteixo e Abegondo coa implantación de proxectos piloto que contribuíron á definición do programa. Tras a sinatura desta resolución entre ambas as consellerías, o Goberno galego busca agora estender a experiencia a máis servizos de atención primaria da comunidade.
O plan consiste na derivación de persoas maiores de 60 anos por parte de profesionais sanitarios do centro de saúde -persoal médico, enfermeiro e fisioterapeuta- a un promotor de exercicio físico do concello graduado en Educación Física que se encargará de avaliar a súa condición física e quen acordará con ela o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no municipio. En todo caso, é o persoal sanitario o que detecta as persoas destinatarias e as invitan a participar no programa. Se a resposta é afirmativa é cando se lles remite ao promotor de exercicio físico.
Deste xeito, a Xunta busca con Adestra a túa saúde mellorar a calidade de vida deste colectivo -tanto persoas sas como con factores de risco cardiovascular como padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo- mediante a práctica de exercicio.
Polo tanto, preténdese crear unha rede sociosanitaria comunitaria para a prescrición e o seguimento da actividade física neste segmento da poboación galega, facendo uso dos recursos xa existentes no municipio e desde a coordinación e o traballo conxunto de todos os axentes implicados.

Este programa alíñase coa Estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Saúde, o plan galego de atención primaria e a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade.
Tamén se enmarca nos obxectivos do Plan Galicia Saudable, posto en marcha en 2011 co obxectivo de loitar contra o sedentarismo e a inactividade física en todas as idades, e que inclúe a plataforma DAFIS que leva anos recollendo a condición física dos escolares galegos e que obtivo o recoñecemento nacional e internacional.

Comparte este artigo