- A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a iniciativa teña impactos significativos sobre a contorna, pero impón certas condicións para optimizar os resultados en cuestións como a integración paisaxística
- O promotor busca ampliar e reformar o centro de procesado avícola de Santa Cruz de Arrabaldo para gañar espazo en terreos lindeiros cara ao leste e ao oeste
A Xunta de Galicia emitiu informe ambiental estratéxico sobre o proxecto de interese autonómico (PIA) de modernización, mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do centro de procesado avícola de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo, no concello de Ourense.
Segundo conclúe a resolución emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante establece certos condicionantes para optimizar os resultados en cuestións como a integración paisaxística, a xestión da biomasa para a prevención de incendios, o uso e tratamento da auga ou a contaminación acústica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PIA, un trámite no que se realizaron consultas previas a catro organismos interesados antes da formulación do informe ambiental estratéxico. Despois tanto o borrador do PIA como o documento ambiental estratéxico foron publicados para que o público puidese consultalos e facer suxestións de carácter ambiental sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto.
Neste sentido, os distintos departamentos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos eidos do seu interese, aínda que sinalan a importancia de atender a certas cuestións para optimizar os resultados. De feito, nesta liña enmárcanse as condicións incluídas no informe ambiental estratéxico.
Unha vez emitido este documento, remitirase ao promotor e ao órgano substantivo xunto con copia dos informes recibidos na fase das consultas previas e farase público a través do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia.
O proxecto de interese autonómico pretende establecer a ordenación territorial e urbanística do solo necesario para a ampliación e reforma das instalacións existentes de uso industrial agroalimentario de Coren situadas en Santa Cruz de Arrabaldo para mellorar os seus procesos produtivos atendendo á demanda actual. O fin último é estender o centro de procesado avícola existente ao oeste do concello de Ourense cara a terreos lindeiros existentes ao leste e oeste.