- Destínanse máis dun millón de euros a financiar as obras deste centro, co que se crearán 12 novas prazas públicas para a atención de persoas maiores
- Envióuselle ao concello a proposta de prórroga do convenio ata xuño de 2026 para facilitar o remate das obras
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodriguez, comprobou hoxe o ritmo que levan as obras que converterán as antigas escolas unitarias de Fornelos de Montes nun fogar residencial para persoas maiores, cuxa titularidade e xestión dependerán do Concello. A Xunta financia con máis dun millón de euros esta actuación, que está a executar o ente local e que suporá a creación de 12 prazas públicas de atención residencial
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Emiliano Lage, e doutros membros da corporación municipal, sinalou que xa se remitiu ao ente local a proposta de addenda ao convenio de colaboración asinado no seu día para o financiamento deste centro residencial. Trátase dunha modificación do acordo para prorrogar en seis meses máis o cumprimento do mesmo, ata xuño de 2026, coa finalidade de facilitar ao Concello a finalización da construción do fogar residencial.
O xerente do Consorcio amosou a súa confianza en que os traballos se completen en tempo e que este novo equipamento poida abrir as súas portas ao longo do vindeiro ano. Así mesmo, destacou que este proxecto é unha mostra máis do modelo de coidados de calidade e de proximidade que impulsa a Xunta.
Este fogar residencial é un dos novos centros de atención aos maiores que está a financiar a Administración autonómica a través do Plan de investimentos acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Con este Plan, a Xunta pon a disposición dos concellos 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Transformación, Recuperación e Resiliencia para a construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais de titularidade municipal.
Perfecto Rodríguez apuntou que con estas actuacións a Xunta, da man dos concellos, continúa reforzando a rede pública de coidados de Galicia. De feito, con elas crearanse máis de 550 novas prazas públicas en residencias e arredor de 120 en centros de día.



